O descenso da poboación activa e da ocupación fixo baixar o paro no último trimestre de 2016 en Galiza

O número de traballadores/as asalariados/as, tanto con contrato temporal como indefinido, diminuíu en 12.700 durante este período

Nacional -

Segundo os datos que vén de publicar a EPA, o IV Trimestre de 2016 rematou cun total de 204.200 persoas desempregadas en Galiza, o que supón un descenso do paro do 2,6% respecto do trimestre anterior. Porén este descenso vén provocado por unha caída da poboación activa de 10.900 persoas respecto do trimestre anterior –o 0,86%-, xa que diminuíu a poboación ocupada en 8.300 persoas. Ademais, o número de traballadores/as asalariados/as, tanto con contrato temporal como indefinido diminuíu en 12.700.

Efectivamente hai 2.600 persoas desempregadas menos que no trimestre anterior pero esta cifra é consecuencia da significativa caída da poboación activa que aínda fixo caer en maior medida o número de ocupados/as. De feito, a poboación ocupada descendeu en todos os sectores, agás en Agricultura, e onde máis caeu foi no sector Servizos.

Tanto a caída da poboación activa, como a da poboación ocupada constatan polo tanto que non se creou emprego neste período. Tal é así que o número de asalariados/as descendeu en 12.700, dos que 3.100 tiñan contratos indefinidos e 9.600 temporais. “Non só non se creou emprego, se non que mesmo se destruíu”, conclúe o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, quen subliña o incremento do número de traballadores/as con contrato temporal, ano tras ano.

Malvido denuncia que estes datos “desmenten a propaganda oficial de que se está recuperando o emprego” e avalan a denuncia que vén facendo a CIG respecto da enorme temporalidade e precariedade do mercado laboral do mercado laboral.

Campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais

Lembra que, por iso, a central sindical puxo en marcha unha campaña para a recuperación do emprego e dos dereitos laborais e salariais e para exixir a derrogación inmediata das contrarreformas laborais e da negociación colectiva. “A consecuencia destas reformas as traballadoras e traballadores en Galiza teñen unhas condicións laborais moito peores, con salarios máis baixos e cun emprego de peor calidade. Non só aumentaron os contratos a tempo parcial, se non que ademais houbo un incremento significativo da flexibilidade da xornada laboral”.

Salienta ademais que persiste o risco de exclusión social de miles de galegos e galegas xa que hai 69.600 familias con todos os activos en paro. E non só iso, un 43,5% do total de persoas desempregadas leva dous ou máis anos no paro.

O secretario confederal de Emprego advirte que hai que mudar esta situación “para evitar que siga aumentando a pobreza entre a clase traballadora”. Máis tendo en conta que hoxe “nin sequera ter un salario garante unhas condicións de vida dignas”.

Volver