O decenio do ascenso de China

Jenny Clegg -

O máis difícil para Occidente -Estados Unidos e os seus aliados- é recoñecer que os progresos de China, a diferenza da súa propia recuperación lenta, sacan á luz as diferenzas entre un sistema que decide rescatar os bancos e outro que opta por rescatar a economía

 Este mes de setembro fanse dez anos da bancarrota de Lehman Brothers que situou o capitalismo global á beira do colapso. Aínda que finalmente a caída non produciu un afundimento total, desencadeou unha crise similar á dos anos trinta e, para a meirande parte das economías, os últimos dez anos estiveron caracterizados por un crecemento lento, baixo investimento e baixa produtividade, marcados pola débeda e o déficit, e non supuxeron apenas mellora nos ingresos reais para o 90 por cento da poboación. O máis sobresaliente deste período foi o continuo ascenso de China. Nun principio, a súa economía tamén foi gravemente golpeada pola crise, pero China conseguiu recuperarse rapidamente para emerxer na actualidade como unha gran potencia económica, avanzando sen pausa até adquirir unha posición central na orde mundial.

 Desde 2009, a economía chinesa case triplicou o seu volume, de 460.000 millóns de dólares a máis de 1 billón 200.000, e en 2011 xa superou a Xapón como segunda economía mundial. Até ese ano, a economía creceu entre un 9 e 10 por cento anual, para se estabilizar nos últimos seis anos nunha “nova normalidade” do 7 por cento anual, aínda moi superior ao 3,9 por cento de crecemento medio mundial.

 A renda per capita chinesa aumentou de 3.500 dólares en 2009 a 8.800 en 2017, a un ritmo de crecemento anual entre o 10 e o 15 por cento, o que, de seguir así, situará o país entre as fileiras dos países de renda elevada nuns 8 anos. A poboación urbana aumentou uns 15 millóns ao ano, coa creación de 8-10 millóns de empregos tamén ao ano. En 2017 creáronse 11 millóns de novos empregos, fronte ao millón que se creou na India.

 Como é ben sabido, desde 1978 China conseguiu tirar da pobreza 800 millóns de persoas. Nos últimos cinco anos, a pobreza extrema seguiu reducíndose, de 100 millóns a 30 millóns, o que pon o país en camiño da súa total eliminación nos próximos 3 anos.

 O plan quinquenal (2011-2015) establecía subidas do salario mínimo do 13 por cento anual. Esta medida, xunto co descenso das cifras de pobreza, está contribuíndo a mellorar a distribución da renda e a reducir a desigualdade.

 Seguindo os pasos da recuperación, China comezou a cambiar o seu modelo de crecemento, que está deixando de se basear na manufactura de produtos baratos para a exportación e no investimento, e está redirixindo a economía cara ao consumo interno e a alta tecnoloxía. Esta audaz transición que traslada a propia base da economía aos novos alicerces de crecemento xa está bastante avanzada. O comercio pasou do 37 por cento do PIB en 2008 ao 20 por cento na actualidade, mentres que a cota de consumo do PIB leva aumentado constantemente desde 2012. Agora, os 400 millóns de consumidores de renda media chineses son unha das principais forzas motoras da economía mundial.

 Entre 2011 e 2017, a cota dos sectores económicos tradicionais -carbón, aceiro, ferro e cemento- na economía reduciuse dun 75 a un 50 por cento, sendo os novos motores de crecemento os sectores da enerxía, tecnoloxía, sanidade e lecer. Segundo a base de datos da Organización Internacional do Traballo (OIT), a produtividade laboral aumentou un 9,6 por cento anual desde 2003. O investimento do goberno está xerando unha expansión das infraestruturas públicas, o comercio electrónico e os sistemas electrónicos de alto valor engadido. O emprego no sector servizos creceu do 33 ao 45 por cento.

 Na actualidade, China conta con 109 empresas na listaxe Fortune Global 500, un formidábel ascenso se consideramos que en 2001 só formaban parte desa listaxe 10 empresas e en 2008, 30.

 O ferrocarril de alta velocidade chinés ten máis de 22.000 quilómetros de vías e converteuse no máis extenso do mundo, sumando dúas terceiras partes das vías de alta velocidade de uso comercial de todo o mundo. Iso reduciu significativamente os tempos de viaxe a través do país de días a horas. A xeración eléctrica continúa aumentando anualmente un 10 por cento desde 2008.

 As industrias chinesas non só se están achegando á tecnoloxía de vangarda en sectores convencionais como a electrónica, a maquinaria, a automoción, o tren de alta velocidade e a aviación, senón que tamén están liderando innovacións tecnolóxicas. Entre os sectores de novas tecnoloxías que están despegando están o da intelixencia artificial, o internet das cousas, os vehículos autónomos, a nanotecnoloxía, a biotecnoloxía, a ciencia de materiais, o almacenamento avanzado de enerxía e a informática cuántica. Actualmente China xa está desafiando o monopolio dos países desenvolvidos en robótica e impresión en 3D. O goberno está investindo en eidos como os chips electrónicos avanzados e os motores de aviación avanzados. De feito, China axiña superará a Estados Unidos en investimento en I+D.

 Así mesmo, China está contribuíndo a liderar o camiño cara a unha nova era de enerxía limpa. Mobiliza máis de 100.000 millóns de dólares ao ano en investimentos en tecnoloxías de enerxías renovables e a rede eléctrica intelixente de ámbito nacional está baixo constante expansión. En 2017, China tiña máis dunha terceira parte da capacidade de xeración de enerxía eólica do mundo, unha cuarta parte da súa potencia solar, unha sexta parte dos maiores fabricantes de paneis solares e catro dos dez maiores fabricantes de turbina eólicas. O ano pasado vendeu máis baterías de automóbiles que o resto do mundo no seu conxunto.

 O gasto público social ascendeu ao 9 por cento do PIB en 2012, fronte ao 6 por cento en 2007. Desde 2009, China gastou 480.000 millóns de dólares en sanidade e o 95 por cento da súa poboación goza dun seguro básico sanitario, que se está ampliando actualmente até cubrir todas as enfermidades importantes. A esperanza de vida aumentou desde menos de 75 anos en 2010 até 76,7 anos en 2017. Ten en marcha unha renda mínima para todos os residentes e un número cada vez maior de empresas está inscribindo os seus traballadores en programas gobernamentais que garanten prestacións en caso de enfermidade laboral, baixa por maternidade e seguro de desemprego.

 A cobertura das pensións deu un salto importante: desde 2009, 89 millóns de persoas comezaron a beneficiarse dun novo sistema de pensións rurais. A proporción de pensionistas case se duplicou entre 2009 e 2012, e agora arredor do 60 por cento dos maiores de 60 anos cobran unha pensión mensual.

 En canto á cultura e os medios de comunicación, malia os controis gobernamentais os contidos dos medios fóronse diversificando, hai máis variedade de prensa, radio e televisión emiten programas de debate sobre temas de actualidade e o xornalismo de investigación está desenvolvendo certo sentido crítico. A industria do cine, que hai 10 anos case desaparecera por causa dos DVD falsificados, está experimentando un renacemento, e os ingresos por billeteira están preto de superar os de Estados Unidos.

 No ámbito internacional, desde o inicio da crise financeira, o crecemento chinés é responsábel de entre o 30 e o 50 por cento do crecemento mundial, superando ben a contribución de Estados Unidos, polo menos nun 20 por cento, e exerceu un papel fundamental, pouco recoñecido en Occidente, en mitigar a tendencia recesiva. China converteuse no principal socio comercial de máis de 120 países e compite con Estados Unidos polo liderado do comercio mundial. É un importante impulsor do crecemento nos países en vías de desenvolvemento: en 2011, os seus bancos de desenvolvemento prestaban máis diñeiro aos devanditos países que o Banco Mundial.

 China tamén comezou a deixar a súa pegada na arquitectura financeira mundial, avanzando paso a paso, coa fundación do Banco de Cooperación de Xanghai en 2010, o Banco de Desenvolvemento do BRICS e o anuncio da iniciativa de nova Ruta da Seda (Belt and Road) en 2013 e o Banco Asiático de Investimento en Infraestrutura en 2015. Ese mesmo ano, o FMI recoñeceu o renminbi (moeda de curso legal chinesa, cuxa unidade básica é o yuan) como a quinta reserva mundial de moeda.

E a listaxe podería continuar.

 Non pretendo con esta enumeración de logros económicos negar as múltiplas carencias e os custos do desenvolvemento chinés: a contaminación, a degradación ambiental, as graves desigualdades, o aumento da débeda produto do elevado gasto e os fortes investimentos, os excesivos casos de pobre regulación e baixos estándares, determinadas violacións dos dereitos humanos e outros. Pero, en calquera caso, é evidente que China avanzou moito en pouco tempo. Segue sendo, en termos xerais, un país en vías de desenvolvemento e ten por diante importantes desafíos. Agora, mirando cara ao futuro, o foco está posto en mellorar a calidade do crecemento e non só o volume deste.

 As circunstancias foron pouco propicias para o progreso de China. En 2012 produciuse unha complicada transición no liderado da nación. Mais o contorno internacional tamén foi especialmente difícil. As condicións case recesivas en EUA e a UE inhibiron o crecemento global durante gran parte do decenio. Ademais diso, os fluxos erráticos de capital especulativo (hot money) xerados polas políticas estadounidenses de Expansión Cuantitativa e manipulación do tipo de xuros contribuíron a crear fases de expansión e contracción no mercado de valores dos países emerxentes, China incluída, que provocaron flutuacións adversas nos tipos de cambio.

 China recibiu moita presión e foi acusada en particular de ser a culpábel dos problemas económicos do mundo polas súas excesivas exportacións, excesiva produción e excesivo aforro, e de ser responsábel dos desequilibrios globais e a deflación global.

 Os primeiros anos da crise, China recibiu presións, especialmente por parte de Estados Unidos, para que reavaliase o yuan. Pero China optou por manter a súa moeda estábel e contribuír ao reaxuste dos desequilibrios da balanza de pagos global aumentando os seus salarios e nivel de renda en lugar de mediante movementos monetarios bruscos.

 Despois de 2014, cando a Reserva Federal de EUA preparábase para aumentar os tipos de xuros, o foco centrouse en conseguir que China relaxase os controis de moeda e capital, á vez que se fomentaba o temor a unha fuga de capitais. Como China escollera deliberadamente reducir o seu crecemento a un novo “ritmo normal”, o que a expoñería ao risco de debilidade financeira, os fluxos de saída de capital poderían provocar unha implosión da economía, tendo en conta a tremenda expansión do crédito para apoiar o investimento desde 2009, xunto aos problemas de sobrecapacidade. China perdeu entre 600.000 e 800.000 millóns de dólares dos seus case 4 billóns de reservas de moeda estranxeira nesta ocasión debido á saída de capitais, e o seu mercado de valores experimentou graves flutuacións. Porén, malia as predicións realizadas pola prensa económica occidental, que vaticinaba unha “dura aterraxe” da economía chinesa, unha nova rolda de guerras de divisas e mesmo outra crise financeira asiática, a caída chinesa non chegou a materializarse.

 O feito de que China conseguise, en termos xerais, manexar as presións adversas e burlar os especuladores debe considerarse como outro dos seus grandes logros no decenio.

 Tendo en conta todos estes factores, as acusacións de “facer trampa” por parte do lobby antichinés de EUA resultan, tal e como parece, completamente cínicas.

 Está claro que, para calquera potencia dominante, é difícil aceptar a necesidade de se adaptar a unha potencia ascendente e evitar a “trampa de Tucídides”(*), pero o máis difícil para Occidente -Estados Unidos e os seus aliados- é recoñecer que os progresos de China, a diferenza da súa propia recuperación lenta, sacan á luz as diferenzas entre un sistema que decide rescatar os bancos e outro que opta por rescatar a economía; entre un que fai todo o que está na súa man por impulsar o seu sector financeiro e outro que promove estímulos económicos para impulsar a produción; entre un que espreme os máis pobres na procura cega de beneficios e outro que apoia os pobres e organiza o desenvolvemento dun xeito sistemático; entre un que inxecta enormes cantidades de hot money na economía mundial para arruinar os sistemas financeiros de terceiros países e outro que ofrece “capital paciente” (a longo prazo) para axudar a que outros xestionen as súas dificultades financeiras e eviten a crise.

 Nos últimos dez anos, mentres as economías occidentais inxectaban incesantemente “diñeiro impreso” unha e outra vez no éter dos mercados financeiros repetindo os mesmos círculos viciosos, China converteuse nun país diferente e, de feito, todo o mundo se está convertendo nun lugar diferente. Porén, Estados Unidos segue completamente decidido a bloquear o cambio para que o mundo manteña a súa dependencia do dólar americano e o consumidor americano, mesmo a custa de enormes déficits comerciais. E agora chegou a guerra comercial.

 China leva camiño de superar a Estados Unidos como primeira economía mundial antes de 2030, un acontecemento que marcará un punto de inflexión psicolóxico. Porén, polo de agora mantén niveis elevados de débeda e aínda podería producirse un crash ao estilo chinés. Poderá China limitar, ou polo menos resistir, as presións dunha guerra comercial con Estados Unidos? De feito, as perspectivas para a economía estadounidense tampouco son boas. A repunta da economía producida polo recorte de impostos de Trump pode ser efémera e o presidente do slogan First America (Primeiro os Estados Unidos) podería verse obrigado a aprender que Estados Unidos e China se necesitan mutuamente.

___________________________________________________________________________

(*) NT:  Denomínase así a tensión estrutural letal que se produce cando unha potencia nova reta a outra establecida , que crea as condicións para que se produza unha guerra. O primeiro en describir este fenómeno foi o ateniense Tucídides, pai da "historiografía científica" e da escola do realismo político, na súa narración da Guerra do Peloponeso (século V a.C.).

___________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 26 de setembro de 2018]

Volver