O Decálogo “neo-neoliberal”
Ava Gomez e Alejandr - 20 Set 2016
O Neo-neo liberalismo levanta a bandeira da unidade por riba das diferenzas de clase. Non importa ser rico ou ser pobre. A loita de clases queda invisibilizada e a economía libre de mercado considérase un requisito indispensábel da democracia
O Centro Estratéxico Latinoamericano de Geopolítica veu publicando unha serie de análises[1] sobre as categorías conceptuais coas que opera a dereita do subcontinente, tanto a nivel político como mediático. Este artigo condensa as principais mensaxes detectadas. Pretende ser unha guía sucinta dos novos códigos que manexa un “neo-neoliberalismo” que se reciclou discursivamente para tratar de facer esquecer os resultados catastróficos das súas políticas nos anos 80 e 90.
Xestión eficiente . Xa non é o tempo das ideoloxías. Nin sequera da política. O que supostamente importa á xente é que as cousas funcionen. O político asimílase a un empresario. Só se valoran os resultados.
Liderados non carismáticos . En consonancia co concepto anterior, precísanse dirixentes sen carisma persoal pero cunha pátina de bos xestores. O gris do seu carácter identifícase con seriedade e responsabilidade para abordar os asuntos públicos. Prefírese o contábel de oficina antes que o líder de masas. Este asóciase a un populismo manipulador.
Banalización do político . Fronte aos grandes construtos do pasado, a política redúcese cada vez máis a unha sorte de presentacións inconexas onde prima o anecdótico. A frivolización travístese de “humanización”. Programas de variedades e lecer constitúense no escenario preferido polos políticos, en detrimento do escenario institucional.
Meritocracia . Os logros son produtos do esforzo persoal e non das condicións sociais. A maximización da educación é o elemento lexitimador do mérito. Preséntase un sistema educativo en abstracto ao que supostamente todo o mundo ten acceso, sen ter en conta a extracción de clase. Do aproveitamento ou non que faga o individuo dependerá a súa sorte.
Desenvolvemento e consumo . O progreso preséntase como un desenvolvementismo sen límites que propicia a posibilidade dun consumo cualificado como “dereito” (e agochando desta forma os dereitos lexítimos como o dereito á vivenda, sanidade, traballo, salario digno, etc.).
Ineficiencia dos modelos socialistas . Son “intrinsecamente ineficientes”. O seu éxito a principios de século foi unha miraxe propiciada por uns prezos das materias primas que alcanzaron máximos históricos. Unha vez resituadas as cotizacións, estas propostas volven demostrar a súa inconsistencia. Técese un fío sutil que as relaciona cos antigos réximes comunistas da Europa do Leste. Regresa a teoría da Fin da Historia. O capitalismo é o único sistema válido.
Regreso aos referentes occidentais . Estados Unidos e Europa occidental son os modelos, en antagonismo á autoidentificación latinoamericana da proposta bolivariana. Todo se valora en función do seu maior ou menor parecido co Primeiro Mundo. É un retorno aos complexos de inferioridade que tan funcionais foron ás elites locais.
Sacralización da unidade. Os gobernos progresistas polarizaron países, enfrontando a irmáns contra irmáns. O Neo-neo liberalismo levanta a bandeira da unidade por riba das diferenzas de clase. Non importa ser rico ou ser pobre. O verdadeiramente importante é a pertenza a unha mesma nación. A loita de clases queda invisibilizada.
Formalismos democráticos . Póñense en primeiro plano os protocolos das democracias electorais de orixe liberal, co voto como máxima posibilidade de exercicio político para os pobos. Calquera experiencia de democracia participativa é deslexitimada. A economía libre de mercado considérase un requisito indispensábel da democracia.
Da política social á asistencial . Elimínase a consideración das políticas sociais como dereitos. Enténdese que estas impiden o desenvolvemento dun país e privan os seus destinatarios dos estímulos necesarios para traballar ou emprender. Unicamente se reserva unha precaria política asistencial para os sectores máis vulnerábeis, máis como contención de posíbeis protestas -e mudanzas electorais- que como unha acción decidida a sacalos da súa condición.
_______________________________________________________________________
[1]Para consultar as análises completas ver:
http://www.celag.org/el-paraiso-prometido-de-la-eficacia/
http://www.celag.org/medios-hegemonicos-lideres-neoconservadores-y-banalizacion-de-la-politica-por-ava-gomez-y-alejandro-fierro/
http://www.celag.org/la-sospecha-antidemocratica-permanente/
http://www.celag.org/memorias-del-primer-mundo/
_______________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web ‘Celag ’, do 14 de setembro de 2016]