O curso escolar 2026-2027 comeza coa Consellaría de Educación instalada na propaganda e inventando unha interesada polémica sobre as baixas laborais no sector para desprestixiar socialmente o profesorado. Mentres, as queixas nos centros agrávanse pola falta de persoal, sobre todo para atender a diversidade, a redución da oferta formativa, as deficiencias nas instalacións ou as eivas no transporte escolar.
Entre os incumprimentos máis rechamantes, a CIG-Ensino destaca a cifra de 100 especialistas de Pedagoxía Terapéutica máis para Secundaria “que quedou reducida a 5” e a baixada de 114 vacantes en Primaria en relación ao curso pasado.
A CIG-Ensino mobilizouse o pasado 23 de setembro para exixir menos propaganda e máis recursos para o ensino público
“O conselleiro Román Rodríguez ten que detallar a onde foron asignados eses supostos 956 docentes máis en Secundaria e as 1.600 máis en total desde 2023, porque desde os centros nos trasladaron que apenas houbo incrementos do cupo ou nalgún caso que mesmo se reduciu”, advirte a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo.
Ademais, aumenta o número de profesorado que ten que impartir afíns, ámbitos, itinerar entre centros ou ten perfil bilingüe, “o que supón unha maior exixencia para a preparación das clases e un empeoramento nas súas condicións laborais que ninguén na Consellaría se parou a analizar”.
Para evidenciar a fartura do profesorado e da comunidade educativa, con motivo da comparecencia de Rodríguez no Consello Escolar de Galiza, a CIG-Ensino mobilizouse o 23 de setembro para exixir menos propaganda e máis recursos para o ensino público.
Persecución das baixas
Para máis abundar, o conselleiro suma agora un falso debate sobre o absentismo do profesorado, inserido na campaña de criminalización das persoas que están de baixa iniciada polo Goberno do PP na Xunta.
“As declaracións de Rodríguez anunciando un plan para avaliar as baixas docentes e sementando a dúbida sobre se moitas delas son fraudulentas, parécennos gravísimas”, asevera Arroxo.
Incide na existencia de causas estruturais que son chave para entender este fenómeno, apuntando aos recortes na sanidade pública, maiores niveis de estrés derivados do empeoramento das condicións laborais, os novos desafíos nas aulas ou o atraso na idade de xubilación. “Enfermar non é un delito. E en todo caso as baixas determínaas un facultativo sanitario, non o conselleiro”, conclúe.