O Consello Galego de Relacións Laborais convoca a primeira xuntanza da mediación do convenio do metal da Coruña o luns día 22

A CIG reclámalle responsabilidade á patronal do sector para que acuda con vontade real de chegar a acordo e pechar o conflito
A Coruña/Ferrol/Compostela - 18 Xun 2026

O Consello Galego de Relacións Laborais vén de citar para o próximo luns, 22 de xuño, ás 16:00 horas, á representación sindical e á patronal da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña ao obxecto de proceder á constitución da comisión de mediación para a negociación do convenio colectivo.

A convocatoria chega logo das tres centrais sindicais aceptar o proceso de mediación no AGA instado pola patronal e que terá como mediador a Demetrio Fernández, director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galiza. Precisamente será na sede provincial da ITSS -situada na rúa da Gaiteira da Coruña- onde se desenvolverán as xuntanzas entre as partes.

A CIG-Industria agarda que a patronal acuda á mediación con vontade real de desbloquear o conflito, presentando propostas que permitan asinar un acordo digno e fixando un calendario áxil de reunións para poder pechar canto antes o proceso de negociación e dotar o sector do convenio que merece.   

A central nacionalista reitera que malia cambiar o escenario de negociación, o persoal non renuncia ás reivindicacións e obxectivos fundamentais marcados para este convenio: mellorar salarios, atallar a precariedade e avanzar nos dereitos. A determinación para lograr esas demandas foi o que impulsou o conxunto dos traballadores e traballadoras a secundar oito xornadas de folga que paralizaron a actividade no metal da provincia.

A CIG-Industria advirte que non pasará por unha mediación que a patronal pretenda utilizar como escusa para alongar a negociación de maneira indefinida, mentres o persoal perde capacidade adquisitiva e dereitos. A intervención do AGA debe servir xustamente para o contrario: dotar de celeridade un proceso que o empresariado estivo entorpecendo deliberadamente dende o primeiro día.

Por iso, coa experiencia do sucedido nestes seis meses e para evitar que a patronal busque desactivar a mobilización ao amparo da mediación, xa están convocados dous días máis de folga para o 7 e 9 de xullo, a maiores dos previstos para o 30 de xuño e 2 de xullo.

A CIG incide na súa plena vontade ao diálogo e á negociación e pídelle á patronal que actúe con responsabilidade se realmente ten intención de pechar o conflito no metal a Coruña.