O Congreso aproba a proposta da CIG de rexistro obrigatorio de xornada laboral

Ciudadanos abstívose e o Partido Popular votou en contra
Nacional - 18 Out 2017

O pasado 13 de xuño a CIG remitía aos grupos do Congreso dos/as Deputados/as unha Iniciativa para modificar a lexislación establecendo a xornada laboral para combater as horas extraordinarias e que o seu rexistro fose obrigatorio. A central sindical optaba por esta medida logo de que a xustiza española dera para atrás á obrigatoriedade de implantala. Aos dous días o PSOE presentaba unha iniciativa e, uns días despois, EH Bildu outra. O Congreso das/os Deputadas/os vén de aprobar unha proposición de lei nese sentido coa abstención de Ciudadanos e o voto en contra do PP.

As horas extraordinarias ilegais na Banca son un problema endémico e estrutural e unha fraude masiva á Seguridade Social. Por iso desde a CIG se puxo en marcha unha campaña na que se presentaron demandas contra os bancos. Inicialmente a Audiencia Nacional deu a razón á central sindical, os bancos rescatados (Abanca e Bankia) recorreron ao Supremo, pero as patronais bancarias abriron procesos de negociación. Uns procesos que deron por rematado sen acordo despois do fallo catastrófico do Tribunal Supremo, que lles deu a razón.

Daquela a CIG elaborou unha iniciativa para a modificación da lexislación que foi remitida aos grupos do Congreso. Aos dous días unha deputada do PSOE de Ourense (Inspectora de Traballo en excedencia) presentou unha iniciativa e días despois o sindicato LAB confirmaba que EH Bildu presentaba outra.

Agora o Congreso dos Deputados, coa abstención de Ciudadanos e o voto en contra do PP, aprobou unha proposición de lei que inicia a súa tramitación parlamentar como Proxecto de Lei, para que poda ser emendada. Así as cousas o rexistro de xornada demandado pola CIG está máis preto, para rematar coa fraude social nun momento de altas taxas de desemprego estrutural, que ademais forza  a emigración a milleiros e milleiros de persoas.