O conflito con Catar non é unha simple confrontación rexional

Nicola Hadwa e Silvia Domenech -

Este conflito con Catar está inserido no explosivo escenario preparado polo imperialismo e o sionismo no Medio Oriente, e está relacionado directamente e simultaneamente coa xeopolítica imperialista para manter a hexemonía mundial, e de Arabia Saudita pola hexemonía rexional e, polo tanto, coa guerra en Siria, o conflito entre o pobo palestino e o sionismo

Para entender o que ocorre en Catar e a súa ruptura con Arabia Saudita, así como a situación de Palestina e de Medio Oriente á luz do panorama político xeral de hoxe, cómpre sen dúbida analizar os últimos acontecementos, e os cambios que se están producindo nas correlacións militares a raíz da loita contra o Estado Islámico (Daesh) en Siria e Iraq despois de 6 anos de batalla.

 Como practicamente todo o mundo sabe, aínda que moitos fan a vista gorda, a agresión argallada entre Israel, Estados Unidos e Arabia Saudita contra Siria e Iraq utilizando como medio o Estado Islámico, estivo dirixida, nun primeiro paso, a derrocar eses gobernos e dividir cada un destes países en 3 estados, enfrontados uns cos outros, para despois ameazar e tentar derrocar pola vía militar o goberno de Irán, concluíndo con iso a implementación do denominado Plan Yinón[1], plan sionista para debilitar e dividir o Medio Oriente, o cal, de feito, é o que serve de base e se plasma no que o presidente de Estados Unidos, George Bush, chamara a primeiros do ano 2000 a concepción do Novo Oriente Próximo ou Gran Medio Oriente[2], e Obama, uns 10 anos despois, o Gran Oriente[3].

 Todas esas concepcións foron elaboradas co fin de dividir a todos os países árabes, comezando por Siria e Iraq, co obxectivo final de dominar doadamente os recursos enerxéticos e mercados do Medio Oriente, a través de eternizar a existencia da entidade sionista e o seu poderío, facendo con iso imposíbel a súa derrota estratéxica. E cada unha delas constituíu un elemento imprescindíbel da estratexia norteamericana que, dirixida a manter a hexemonía mundial dese país, intenta illar a Rusia e China dominando os mercados e as fontes enerxéticas que proveñen do Medio Oriente. E, con iso, limitar os efectos e derrotar as alianzas establecidas no seo da Organización para a Cooperación de Shanghai e o BRICS[4], así como limitar a influencia ou sacar a eses países desa zona, deixando con iso a nova Ruta da Seda no esquecemento, e o corredor económico -que partindo de Europa, terminaría en China- definitivamente enterrado.

 A posta en práctica destas concepcións imperial-sionistas, apoiadas tamén polas monarquías feudais árabes, con todo, vai quedando só nun proxecto tras a derrota da organización terrorista creada por Estados Unidos, Israel, Arabia Saudita, Turquía, Reino Unido, Francia e Catar: o Estado Islámico, o seu instrumento de agresión e derrocamento de gobernos.

 Este plan, ademais, inclúe a creación entre Turquía, Iraq, Siria e Irán, valéndose dos kurdos, do que sería un segundo Israel. Estado que, ademais de servirlles para xerar unha continua, longa, desgastante e destrutiva guerra cos seus veciños, lles permite asegurar o abastecemento de gas e petróleo barato á entidade sionista –o que xa fan, pero en menor escala-. O que por outra banda constituirá un elemento necesario para o control de prezos do petróleo da zona e o mundo. Ese estado kurdo, porén, non é aceptábel para Turquía xa que lle significaría a perda de polo menos un 40% do total do seu territorio. Situación que leva a que os seus intereses entren en conflito con ese obxectivo, e dunha participación activa por intentar derrocar o goberno sirio entre de cheo a enfrontar os plans de Israel e Estados Unidos, separándose da conspiración orixinal, até entrar decididamente a discrepar e enfrontar os plans destes. Feitos que, precisamente, explican o golpe militar levado a cabo por Estados Unidos en Turquía intentando colocar un goberno espantallo ou máis manexábel, o cal fracasou, levando a descabezar os elementos pro Washington dentro do exército turco.

 O ingreso de Rusia en Siria, porén, inclinou rapidamente a balanza da guerra a favor deste último país e de Iraa, polo que o amplo proxecto de destrución do Medio Oriente deseñado por sionistas e imperialistas, xunto aos gobernos reaccionarios árabes, vai camiño da derrota final. Iso, evidentemente, obrigou o imperio e os seus aliados a aceleraren, a xeito de plan B, a creación do referido Estado kurdo, que separe Irán de Turquía, e constitúa un aliado amigábel e estratéxico cara a Israel. E, con iso, esperan lograr que a zona se manteña en guerra permanente e, por suposto, asegurar tamén tranquilidade permanente para os sionistas.

 Neste marco, o goberno sionista incrementa, consecuentemente, tamén o seu apoio aos grupos takfirís e wahabís, co obxecto de prolongar o caos e facer da recuperación de Siria un longo e custoso camiño que obrigue a ese país a destinar os recursos á reconstrución, e non a prepararse ou equiparse militarmente para recuperar os territorios usurpados e ocupados por Israel, de xeito que sempre a balanza estea ao seu favor. E mentres a coalición internacional liderada por EEUU deliberadamente fai todo o posíbel tamén para apoiar aos grupos terroristas e debilitar as forzas que se lle opoñen, Tel Aviv aplaude estes feitos e estimula publicamente a Estados Unidos para que, no canto de eliminar a Daesh, acabe coa presenza de Hezbolá e Irán nos altos de Golán[5].

 En efecto, o apoio de todo tipo que brinda Israel ao Estado Islámico, e as agresións cada vez maiores dese estado arrogante e ocupante ao pobo palestino, entre as que salientan pola súa crueldade as dirixidas contra Gaza, levaron a que os países que conforman o Eixe da Resistencia antiimperialista[6] centren o seu foco hoxe máis que nunca nun proceso que desde preto de medio século se libra tamén no Medio Oriente, a liberación do Golán[7].

 A súa reapertura como fronte de loita, que xera gran temor na entidade sionista[8], foi anunciada polo presidente sirio Bashar Al-Assad tras os ataques aéreos á zona de Damasco por Israel a principios de maio do 2013. E explícase pola particular significación que ten esta zona no aspecto militar, constituíndo un importante obxectivo actual sen cuxo logro definitivo Siria e O Líbano se manterían sempre baixo a ameaza sionista e nun plano de debilidade permanente, así como sometidos a ataques constantes baixo diferentes xustificacións. Iso é así, entre outras cousas, dado que estratexicamente o dominio dos Altos do Golán permite o control non só do sur de Siria até Damasco, senón de todo o sur do Líbano desde o río Litani até a propia fronteira de Palestina ocupada, así como da zona leste de o país e o val de Bekaa. E é á vez unha importante localización a través da cal o exército israelí presta todo tipo de apoio aos grupos terroristas que intentan desestabilizar Siria (pois ármaos, préstalles asistencia médica e ataca as posicións das Forzas Armadas sirias), como a Fronte Fath al-Sham (antiga Fronte Al-Nusra). E tamén pola significación que a liberación do Golán ten na liberación dos territorios palestinos que hoxe están baixo o dominio sionista.

 Todo iso, para alén da gran importancia do Golán para Israel, pois alí están as máis grandes reservas de auga doce da rexión, da que provén o 25% do seu abastecemento, e tamén un terzo da súa produción vinícola, e nela atopáronse importantes xacementos de petróleo que son explotados polos sionistas.

 Elementos todos estes que deixan claro o por que da aspiración do actual goberno sionista de que o novo presidente norteamericano Donald Trump recoñeza definitivamente a lexitimidade da ocupación do Golán e o seu estatus como parte de Israel, malia que as Nacións Unidas non recoñeceron nunca nin recoñecen esa acción[9], xa que ese territorio non lles foi concedido, senón que foi ocupado por esa entidade na Guerra de 1967, pois pertencía a Siria, e foi anexionado de feito en 1981. Recoñecemento de Washington que os sionistas anhelan non só fundamentado na importancia estratéxica do Golán para a súa seguridade, senón que con ese recoñecemento, sinalan os seus defensores, tamén se suavizaría a demanda central dos palestinos para un estado dentro das fronteiras de 1967… Se pode ser revisada unha fronteira internacional xunto á fronteira siria, os palestinos terán unha época difícil presentando como inviolábel a liña de armisticio de 1949 xunto á Marxe Occidental[10].

 Ante este difícil escenario, e a alarma que xera nos sionistas o avance da alianza Irán-Siria-Hezbollah con Rusia fronte ao terrorismo takfiri, así como a posibilidade de que esa Fronte de Resistencia poida levar adiante a loita de liberación do Golán sirio ocupado, o novo presidente norteamericano Donald Trump viaxa a Arabia Saudita, Israel e tamén se reúne coa ANP.

 A visita de Trump perseguía sobre todo o obxectivo de utilizar os gobernos reaccionarios e monarquías árabes para implementar un plan que, co apoio dos seus aliados tradicionais no Medio Oriente -é dicir, Arabia Saudita, Exipto e Xordania-, e baseado na proposta feita uns meses antes polo ministro de Defensa de Israel de formar unha estrutura árabe de defensa que actúe por si mesma a favor do imperialismo e o sionismo, lles servise para facer fronte ao Eixe da Resistencia e, particularmente, a Irán.

 Ese plan, como non é difícil adiviñar polas súas consecuencias, incluíu como obrigado paso pola súa significación no Medio Oriente, suprimir a resistencia palestina en nome da loita contra o terrorismo. Por unha banda, estreitando aínda máis o cerco a Gaza por parte de Exipto, e facendo que a Autoridade Nacional Palestina incremente tamén a súa parte nese cerco. Papel que desempeña de inmediato cun proxecto de asfixia para esa Franxa que inclúe cortes de pagamentos, axuda económica e de enerxía.

 Este último feito, así e todo, non abraia xa a ninguén, pois hai moito que esa organización, que é un produto de Oslo, se conforma con administrar a ocupación por conta do capital transnacional imperialista e de Israel. E esqueceu e desbotou a liberación de Palestina, converténdose nun instrumento a favor do sionismo para desarticular os movementos de resistencia en Cisxordania, como ocorre na actualidade, e só require máis tempo para liquidar toda resistencia no seo do pobo palestino, tarefa que lle foi asignada por aqueles Acordos (Oslo), e/ou limitala por medio do clientelismo e a corrupción que a caracteriza. Os seus fins non son outros que crear condicións para constituírse aceleradamente nunha burguesía palestina -que gobernará sen poder- unida ao capital financeiro sionista e internacional, e crear condicións para implementar un sistema económico neoliberal brutal que oprimirá o seu propio pobo nos territorios que administra, sendo iso una das razóns que explica a súa necesidade de gobernar Gaza e, con iso, dispoñer dunha saída ao mar que lle permita desenvolver o comercio exterior.

 E, doutra banda, ese plan incluíu -como se coñece- que os países do Golfo, liderados por Arabia Saudita e en contubernio con Israel e Estados Unidos, presionen a Catar para que cambie a súa política, segundo eles, de apoiar o “terrorismo”. Acusación polo demais sorprendente ao provir de países que financiaron e financian o terrorismo no Medio Oriente, e ser Catar un país que veu participando hai anos na posta en práctica da estratexia norteamericana e os seus aliados rexionais e internacionais, de poñer fin ao goberno de Al Asad. E país que acolle unha das máis grandes e importantes bases militares estadounidenses na rexión. O que é expresión das profundas contradicións que se foron fraguando entre Catar e Arabia Saudita como consecuencia da evolución dos acontecementos na rexión, principalmente en Siria. Pois, aínda que é certo que ambos coincidiron historicamente en varios aspectos, presentan entre eles importantes diferenzas en canto á súa visión do Medio Oriente.

 Así, Catar desexa unha axenda para o Medio Oriente baseada nos países sunitas e co seu predominio político económico, mais con relacións normais con Irán e o mundo xiíta, e tamén con Israel. Ese país -a diferenza doutros gobernos e monarquías árabes que se asocian á ANP-apoia a Resistencia palestina na defensa da soberanía do seu país, e en consecuencia, a Hamas, unha das principais organizacións desta e comprende, do mesmo xeito que Hamas, que Arabia Saudita non actúa pensando no mundo árabe ou os intereses dos países que o conforman. Catar, xa que logo, non admite o rol que lle están asignando, declarando que ninguén ten dereito a se inxerir na súa política exterior e non acepta que a súa independencia política sexa limitada ou determinada por Arabia Saudita. É por iso polo que Arabia Saudita organizou[11] o bloqueo diplomático, económico e de todo tipo contra Catar acusándoo de apoiar o terrorismo, e ameaza mesmo con atacalo militarmente, co que non fai máis que reafirmar o rol que, como xendarme imperialista e sionista, está xogando na rexión, exemplo do cal é a agresión a Iemen. O que tampouco é novo, pois Arabia Saudita apoia e está asociada a Israel e, baixo o pretexto do perigo xiíta, pretende dominar o Medio Oriente, agredir a Irán por medio dunha guerra terrorista e afondar nos seus lazos co sionismo e o imperialismo. Razón que explica así mesmo a millonaria venda de armas que realizou Trump na súa visita aos sauditas.

 Son precisamente os elementos anteriores o que permite comprender que o conflito con Catar vai moito máis alá dunha simple confrontación rexional. E, así mesmo, comprender por que Turquía e Irán, ante a presión a que están sometendo a Catar, de inmediato acudan no seu apoio (tamén o fixeron Paquistán e Marrocos), co fin de evitar o seu colapso e impedir que sexa obrigado a permitir os ataques a Hamas. O feito é que este conflito con Catar está inserido no explosivo escenario preparado polo imperialismo e o sionismo no Medio Oriente, e está relacionado directamente e simultaneamente coa xeopolítica imperialista para manter a hexemonía mundial, e de Arabia Saudita pola hexemonía rexional e, polo tanto, coa guerra en Siria, o conflito entre o pobo palestino e o sionismo, así como a utilización por parte de Estados Unidos e do wahabismo, dos grupos terroristas para lograr os seus fins e, por conseguinte, a loita contra Irán e a Fronte da Resistencia no Medio Oriente.

 Neste escenario, neste momento, no entanto, as monarquías feudais apoiadas e defendidas por Israel e Estados Unidos séntense estimuladas á aventura de agredir a Irán. E están facendo o traballo sucio que xa non pode facer Israel, o cal, xunto a Estados Unidos (onde domina o lobby sionista), ordena a organización dos colaboracionistas e traidores para implementar a guerra de agresión contra o Eixe da Resistencia e, definitivamente, facer desaparecer os palestinos. Con iso, esas monarquías están de feito axudando a implementar o plan Yinón sionista. Ou, noutras palabras, están sendo utilizada para lograr a súa propia destrución pois, a medio prazo, correrán a mesma sorte e serán tamén reconfiguradas a favor de intereses que non son os seus, como o fixeron xa con Sudán e Libia.

 Á ANP o futuro non parece tampouco depararlle nada mellor. Se o imperialismo e o sionismo lograsen derrotar a Hamas, o cal parece pouco probábel, a ANP xa non lles será de utilidade, nin tampouco un estado palestino de ningunha especie. Abonda con mirar o proceso de expansión dos asentamentos e ficará máis que claro que a Autoridade Palestina é só un peón de Israel, un peón momentáneo, até que logren realizar totalmente os seus obxectivos expansionistas e de limpeza étnica.

 O que queda claro é que, en apenas nada, xa se está dividindo a alianza militar árabe similar á OTAN que impulsa Israel por medio de Estados Unidos, e que o novo escenario do Medio Oriente verá a Catar afastado das aventuras dos sauditas e israelís, e á fronte de Resistencia marchando polo seu lado activamente, incluíndo a Hamas.

_______________________________________________________________________

Notas:

[1] O Plan Yinon foi exposto en 1982 polo funcionario do ministerio de relacións exteriores da entidade sionista Oded Yinon nun artigo publicado por el no xornal da Organización Sionista Mundial, no que aborda a estratexia da entidade sionista nos anos oitenta. Ideas estas que teñen a súa orixe en realidade no expresado en 1954 polo ex primeiro ministro da entidade sionista Ben Gurión, na súa carta a Moshe Sharett. Ver: Israel Shahak. ‘Greater Israel’: The Sionist Plan for the Middle East. http://www.globalresearch.ca/greater-israel-the-sionist-plan-for-the-middle-east/5324815; David Ben Gurión. Carta a Moshe Sharett, 27 febreiro 1954. http://www.voltairenet.org/article142644.html.

[2] Doutrina que modifica os límites do Medio Oriente en función dos intereses vinculados cos hidrocarburos, a súa produción e o control do seu transporte, as riquezas hídricas, e sobre todo ás ambicións hexemónicas de Estados Unidos. Ver: Thierry Meyssan. “Bush inventa el ‘Gran Medio Oriente’”. http://www.voltairenet.org/article126452.html.

[3] Concepción que fundamenta o ‘novo capítulo’ suscitado polo goberno de Barak Obama, que estende a súa zona de intervención a toda a rexión Asia/Pacífico, en aberto desafío a China e Rusia. Ver: Manlio Dinucci. “El Gran Oriente de Obama”. http://www.voltairenet.org/article175102.html.

[4] A Organización para a Cooperación de Shanghai (OCS) foi fundada no 2001 e nela participan China, Rusia, Cazakhistán, Quirguistán e Taxikhistán, Uzbekhistán, a India e Paquistán. A OCS aínda que impulsa a cooperación económica entre as súas participantes está enfocada ante todo cara á seguridade rexional, converténdose nun factor estabilizador tanto a escala rexional como global. O BRICS, pola súa banda, creado no 2008, é un bloque económico-comercial formado por Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica cuxo obxectivo é lograr a cooperación recíprocamente beneficiosa entre os países membros.

[5] Israel pide a EEUU finalizar presenza de Hezbolá e Irán en Golán. https://www.noticiasdeisrael.org/2017/05/26/israel-pide-a-eeuu-finalizar-presencia-de-hezbola-e-iran-en-golan/.

[6] O Eixe da Resistencia no Medio Oriente está conformado polo Movemento Libanés Hezbollah, o Goberno sirio, o Movemento Iemení Ansarolá e outros grupos aliados como Hezbollah al Nuyaba de Iraq, Hamas, Jihad Islámica Palestina e a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) e, sobre todo, pola República Islámica de Irán, principal inimigo de Estados Unidos e da entidade sionista, gran defensor da causa do pobo palestino e estreito aliado de Siria e Hezbollah, do mesmo xeito que de Rusia. Estas forzas constitúen en conxunto o muro de contención ao expansionismo imperialista e a inxerencia occidental no Medio Oriente. E os seus obxectivos amplíanse hoxe ao conxunto da rexión para formar parte das prioridades do mundo islámico, tendo como centro a Palestina, a resistencia anti imperialista e a seguridade ante as agresións da entidade sionista e dos reaccionarios árabes.

[7] Os Altos do Golán son unha meseta situada na fronteira entre Israel, Líbano, Xordania e Siria, duns 1800 km², dos cales aproximadamente 1200 km² están baixo soberanía de Israel, un corredor ao longo da súa fronteira de 235 km² están controlados por Forza das Nacións Unidas de Observación da Separación (UNDOF), que supervisan a separación das forzas israelís e sirias, e vixían esa área, e o resto permanece baixo soberanía siria.

[8] O temor sionista está fundamentado, entre outras cousas, porque o Eixe da Resistencia conta actualmente cunha enorme cantidade de efectivos, intenso adestramento e experiencia acumulada en case 6 anos de constante loita, así como cunha gran cantidade de armamentos de alta calidade e eficacia, entre os que se inclúen as armas que lles arrebataron ou confiscaron aos grupos terroristas, armas que o imperio e os europeos xunto a Israel entregaban ao Estado Islámico, compradas e financiadas co diñeiro de Arabia Saudita. Todo o cal implicou un significativo aumento da súa capacidade de combate. Isto dálles unha importante vantaxe fronte ao exército sionista, que está composto por soldados vindos de diferentes partes do mundo e cuxa extracción social burguesa non ten na infantaría as capacidades para derrotar ou enfrontar eficazmente a estes movementos de resistencia, baseando a súa superioridade na forza aérea. Esta última con todo viuse limitada á súa vez, pola entrega por Rusia a Siria de armas de defensa aérea que inclúe os mísiles S300E e os S400, que xa derrubaron 2 avións sionistas e danado outros dous. Ao que hai que engadir os mísiles iranianos que demostraron ser moi eficaces e de gran alcance, a enorme cantidade de mísiles de Hezbollah e todas as armas modernas que adquiriron nesta longa guerra de Siria que acurtaron as diferenzas das capacidades fronte ao inimigo sionista. Doutra banda, non é menor o crecemento e desenvolvemento militar e de combate que tiveron tanto Hamas como a Jihad Islámica que, en conxunto, puideron derrotar todas as conspiracións e agresións a Gaza, logrando que o exército sionista non poida cumprir ningún obxectivo, debendo limitarse a bombardear a poboación civil como chantaxe inmoral pero non efectiva, dado que o pobo palestino está determinado a pagar o prezo necesario e avanzar na liberación. A todo isto debe sumarse, ademais, a apertura da fronte de Gaza, que fai que a entidade sionista deba distraer ao menos ao 50% do seu exército alí, o que diminúe notoriamente a súa capacidade de mobilizar tropas á fronteira do Golán.

[9] A Organización das Nacións Unidas, a través da Resolución 242/1967 do seu Consello de Seguridade, adoptada por unanimidade, considera o Golán como “territorio ocupado”. E pola resolución 497, tamén aprobada por unanimidade, declarou en decembro de 1981 que a decisión israelí era “nula e sen valor”. O que foi reafirmado pola Asemblea Xeral da ONU na súa resolución A/71/L.8 sobre o Golán sirio o 30 de novembro de 2016. http://www.un.org/es/comun/docs/?symbol=A/RES/71/24.

[10] Jonathan Schanzer e Mark Dubowitz. “Apoiar a Israel en los Altos del Golán”. https://www.enlacejudio.com/2017/02/20/apoiar-a-israel-en-los-altos-del-golan/.

[11] Arabia Saudita, Bahrein, Exipto e Emiratos Árabes Unidos, primeiro, e logo Libia, Iemen, Maldivas, Mauritania e Comoras, e Xordania e Xibuti anuncian a ruptura das relacións diplomáticas e a suspensión das comunicacións terrestres, marítimas e aéreas con ese país, tras acusar a Doha de apoiar o terrorismo.

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 26 de xuño de 2017]

 

Volver