O Concello do Carballiño debe asumir a xestión directa do servizo de axuda no fogar

Desde a CIG-Administración esixen que o goberno cumpra as promesas de remunicipalización

Ourense -

A CIG-Administración Pública de Ourense reclama que o Concello do Carballiño cumpra as súas promesas electorais de remunicipalización paulatina de servizos privatizados e asuma a xestión da axuda no fogar, unha vez que non vai renovar a concesión coa actual empresa adxudicataria.

Indican que, se prosperan os plans, a decisión será tomada o vindeiro xoves 27 de setembro en sesión plenaria, onde tamén se daría inicio aos trámites necesarios para sacar de novo a licitación para outorgala a unha nova empresa.

Desde a central nacionalista reivindícase a xestión directa polas Administracións de todos os servizos públicos, máxime ao tratarse de traballos de asistencia social. Así pois, deféndese a remunicipalización coa subrogación de todas as traballadoras, creando os postos e prazas necesarias para a continuidade do mesmo baixo a dirección do departamento de Servizos Sociais.

Esixen que o goberno municipal debe “pasar das palabras aos feitos” no tocante ao compromiso coa xestión directa dos servizos e dar marcha atrás nas súas intencións. Neste sentido, colocan como antecedente as xestións levadas a cabo no departamento de recadación.

Volver