O Concello do Barco deberá aplicar ás traballadoras de axuda a domicilio o convenio colectivo do persoal laboral

O Tribunal Supremo vén de ditar sentenza na que lle dá a razón á CIG

Logo de sete anos, o Tribunal Supremo vén de poñer fin ao conflito que as traballadoras de axuda a domicilio do Barco de Valdeorras mantiñan coa administración municipal para que se lle recoñeceran os seus dereitos laborais e salariais. A sentenza do alto tribunal (con data do 13/10-2017) determina que non pode existir dentro da mesma administración persoal público con relacións laborais diferentes, polo que o Concello debe pagarlles a estas traballadoras o salario previsto no convenio colectivo para a categoría de peón, "xa que non é legal que as retribúa cun salario inferior que non está estabelecido no convenio, e iso aínda que a súa categoría non estea recoñecida nel".

Así o explicaba o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, quen salientou a transcendencia deste resolución xudicial que pode sentar xurisprudencia e aplicarse a outro persoal das administracións locais en situación semellante. Pérez Carballo deu a coñecer o contido da resolución nunha comparecencia de prensa ofrecida o pasado luns en Valdeorras, acompañado polo asesor xurídico da central que levou o proceso xudicial e o responsábel da Unión Local do Barco.

 

A sentenza do TS determina que non pode existir dentro da mesma administración persoal público con relacións laborais diferentes

 

Sobre o valor da sentenza, Pérez Carballo informou que esta dota de seguridade xurídica á relación laboral das traballadoras de axuda a domicilio e acaba cunha clara discriminación que, de forma 'indirecta', se estaba a dar ao estabelecer un salario inferior ao do convenio para unha profesión tan feminizada como a da axuda a domicilio, negando a súa equiparación coa categoría de peón. Categorías que, subliñou, son homologábeis, polo que se refire ao tipo de formación que precisan e ás tarefas que se realizan.

Até agora, o Concello alegaba que estas traballadoras non estaban incluídas nas categorías recollidas no convenio colectivo do persoal laboral, polo que se lles aplicaba un salario inferior (que a administración local vincula a axuda que recibe da Xunta para a prestación do servizo) e teñen unhas condicións distintas.

Porén, a resolución do Tribunal Superior estabelece que toda empregada ou empregado público debe cobrar segundo convenio de aplicación e gozar das mesmas condicións laborais e sociais. Deste xeito, engade o secretario comarcal da CIG de Ourense, as traballadoras non só verán incrementadas as súas retribucións (que nalgúns caso poden supor uns 4.800 euros anuais máis), senón que accederán tamén ás melloras laborais recollidas no convenio, en canto á xornada, cobertura por incapacidade, días de libre disposición, permisos, etc.

"Lamentamos que o Concello teña levado esta porfía até estes extremos contra os dereitos das traballadoras, das súas propias veciñas, e agardamos que acate esta sentenza e, en consecuencia, regularicen as cotizacións con carácter retroactivo e actualicen o salario de todas as traballadoras, mesmo das que non foron parte dese procedemento", aseverou.

Un sector feminizado e precarizado

A este respecto, destacou o éxito que supón esta resolución para pór freo á precariedade que adoita rodear a sectores tan altamente feminizados e pouco valorados como o da axuda a domicilio, a pesar de que prestan un servizo básico. "As traballadoras non só verán melloradas as súas condicións de maneira inmediata, senón que incrementarán as bases de cotización, polo que, de cara ao futuro, poderán ter mellores pensións de xubilación", afirmou.

 

As traballadoras non só verán incrementados os seus salarios, senón que accederán ás melloras laborais recollidas no convenio

 Neste senso, saudou que o alcalde do Barco manifestara a intención do goberno municipal de acatar a sentenza, mais lamentou que deixara entrever que a partir de agora tomarán con cautela a contratación directa na prestación de servizos. "Parece que está transmitindo a idea de que se non lle deixan ter persoal en precario, acudirá ás privatizacións, o que di moito da concepción de servizo público que se ten", sinalou.

Un conflito iniciado hai sete anos

O proceso, que finalmente acabou no Supremo logo de varias sentenzas contraditorias, iniciouse hai xa sete anos, cando catro traballadoras de axuda a domicilio tiveron que recorrer á vía xudicial para que se recoñecera o carácter indefinido dos seus contratos. O Xulgado do Social 3 de Ourense considerou entón acreditado que se producira fraude de lei na contratación, polo que a relación entre as partes debera ser indefinida. A sentenza recollía tamén que as demandantes foron contratada por obra ou servizo determinado, “sendo a axuda a domicilio un servizo que presta o Concello de forma continuada e inherente ao mesmo”.

Volver