O Concello de Vilariño de Conso pon en marcha o seu primeiro convenio colectivo

O Goberno local e a CIG tamén pactaron as bases de contratación

Ourense -

O Concello de Vilariño de Conso vén de poñer en marcha o seu primeiro convenio colectivo e as bases de contratación de persoal, que entrarán en vigor unha vez publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Ourense tras seren aprobados pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria.

A Consellaría de Economía, Emprego e Industria ditou hai unha semana unha resolución mediante a que acorda o rexistro, depósito e publicación no BOP do 1º Convenio Colectivo para o Persoal Laboral ao Servizo do Concello de Vilariño de Conso, así como das bases de contratación. 

Por fin o persoal municipal logra ter unha regulación propia das súas relacións laborais

Tanto o convenio colectivo como as bases de contratación foron pactadas polo actual grupo de Goberno coa Unión Local da CIG de Verín e A Limia.

Dende a central explican que oito anos despois do convenio colectivo que se asinara no ano 2009 pero que non chegara a publicarse no BOP dada a negativa do pleno municipal a aprobalo, “por fin os traballadores/as municipais conseguen ter unha regulación propia das súas relacións laborais”.

Ao mesmo tempo, indican que da norma que vén de ser aprobada agora no pleno cabe salientar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) A regulación das diferentes circunstancias de cada posto de traballo, creando unha serie de pluses de perigosidade, penosidade, toxicidade, especial dedicación, dispoñibilidade e responsabilidade.

b) A creación dun complemento de antigüidade para todo o persoal laboral, por trienio perfeccionado.

c) O establecemento dunha cláusula pola que se lle confire a opción ao traballador/a no caso de extinción contractual improcedente.

d) E finalmente a regulación, por medio duns Bases Municipais de Contratación (idénticas as que xa funcionan na Comarca de Monterrei), das convocatorias de postos de traballo que poida ofertar no futuro o ente local para levar á practica os principios de igualdade, publicidade mérito e capacidade.

Comisión de control

Neste senso, salientan o feito de que a partir de agora as ofertas de traballo do Concello e as súas bases reguladoras terán que pasar pola aprobación dunha comisión de control da contratación, na que terán presenza as organizacións sindicais.

Finalmente, dende a CIG trasládanlle os seus parabéns ao persoal do Concello de Vilariño de Conso “por lograr a institución desta nova norma de traballo e pola súa confianza na nosa organización sindical”. Igualmente, felicitan o Goberno municipal pola aprobación das bases municipais de contratación “porque permitirán levar á práctica o principio de igualdade para todos/as os cidadáns/ás”.

Volver