O Concello de Santiago denega o enganche de luz para a megafonía na manifestación do 10 de marzo

A CIG lamenta que se sigan poñendo trabas ao dereito de manifestación
Compostela - 02 Mar 2016
A CIG vén de recibir a notificación de resolución do concelleiro delegado de Medio Ambiente e Convivencia, por delegación do alcalde, das solicitudes de megafonía, colocación de faixas e punto de luz. Respecto deste último aspecto, o Concello informa de que “en relación coa realización do enganche de luz na Praza de Praterías á vista do informado non procede a autorización municipal, pois estaríase a incumprir a normativa legalmente aplicable”.

O Concello de Santiago si autoriza pasar megafonía e instalar as faixas. Porén, esta autorización prodúcese logo de que a CIG tivera que recorrer á vía do contencioso administrativo. A central sindical tramitara o pasado día 11 de febreiro a pertinente solicitude de autorización municipal.

Nunha primeira resposta a esta solicitude o concello require primeiro o pagamento das taxas para logo pronunciarse sobre se autoriza ou non a colocación das faixas. Respecto do megafoneado polas rúas de Compostela, fai un requirimento de información non prevista na Ordenanza municipal de por onde se ía megafonear e a que horas.

Logo da CIG respostar que o megafoneado se restrinxirá ao previsto na normativa a resposta do concello é o silencio. Ante a proximidade da data da manifestación, a CIG vese na obriga de presentar un recurso pola vía do contencioso-administrativo.

O xulgado dita, a 1 de marzo, unha “medida cautelarísima” na que autoriza tanto o megafoneado como a colocación das faixas.

O día seguinte, tras ter coñecemento do auto do Xulgado do Contecioso-Administrativo número 2, o concello remite a Notificación de Autorización sen poñer reparo algún ao solicitado. Porén denega o enganche para poder instalar a megafonía na Praza de Praterías, lugar de remate da manifestación, que está prevista para as 20:00 horas do Día da Clase Obreira Galega, con saída da Praza Roxa.

A CIG lamenta as limitacións ao dereito de manifestación que, de forma continuada, se veñen producindo por parte do Concello de Compostela, e que xa lle supuxo unha merma económica en anos anteriores ao ter que asumir as costas dos xuízos celebrados por este motivo.