O Concello de Ourense, obrigado a pagarlles aos bombeiros o complemento de nocturnidade nas vacacións

O Xulgado estimou parcialmente unha demanda presentada pola CIG
Ourense - 22 Xan 2018

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense fixo pública unha sentenza o pasado 12 de xaneiro que estima, en parte, a demanda presentada pola CIG para reclamar o dereito dos membros do corpo de bombeiros/as a cobrar durante as vacacións un salario equivalente ao que ingresan nun mes de traballo. Deste xeito, o Concello terá que abonarlles o plus de nocturnidade durante o período vacacional.

Dende a CIG solicitaban tamén, a efectos de garantir a equiparación salarial, a inclusión no salario vacacional dos bombeiros/as dos pluses de perigosidade e festividade que perciben nun mes de traballo normal. O Concello de Ourense, denegando tal posibilidade, alegou no marco do proceso que eses pluses constitúen unha produtividade extraordinaria destinada a compensar circunstancias especialmente penosas que só se manifestan cando se traballa, efectivamente, de noite ou en día festivo e que, por tanto, non tiña sentido indemnizar os traballadores/as por estas circunstancias durante as súas vacacións. 

A CIG solicitaba incluír tamén no salario vacacional os pluses de perigosidade e festividade

Mais o xuíz estimou en parte a demanda da CIG ao entender que a nocturnidade non constitúe unha circunstancia extraordinaria na xornada e no traballo dos bombeiros/as ourensáns/ás, senón unha penosidade permanente e obrigada, allea ao concepto legal de produtividade e, por tanto, retribuíbel como salario tamén durante as vacacións, por canto neste período todo/a funcionario/a ha cobrar o mesmo salario que traballando.

A reclamación relativa á inclusión no salario vacacional do plus de festividade, porén, non foi estimada, determinando que, neste caso, si se trataba dunha circunstancia extraordinaria da xornada e do traballo dos bombeiros/as.

Na central sosteñen que “a importancia desta sentenza radica en que se lles deberá recoñecer, non só ao demandante neste suposto concreto senón a todos/as os bombeiros/as do Concello de Ourense, un acrecentamento do seu salario no mes de vacacións, ao considerarse que a nocturnidade fai parte do traballo normal e non do extraordinario”.