O Concello de Nigrán ten que aclarar se paga o canon do servizo de recollida do lixo

A CIG-Servizos interveu no pleno municipal para explicar a convocatoria de folga

Nigrán -

A secretaria nacional da CIG-Servizos interveu no pleno do Concello de Nigrán para explicar o conflito aberto no servizo de recollida do lixo tras o anuncio de Cespa-Ferrovial de rebaixar os salarios un 7%. A responsábel sindical explicou os motivos que levaron o cadro de persoal, formado por 20 traballadores/as, a convocar folga indefinida a partir do luns 12.

Transi Fernández detallou na sesión plenaria celebra aeste xoves que os plans da compañía pasan tamén por reducir das zonas de limpeza, eliminar 100 contedores e quitar tres peóns da quenda de noite, o que se traducirá en menos contratación. Diante disto, preguntoulle ao Goberno local se coñece as intencións da empresa e se ten coñecemento de que non está a respectar o convenio colectivo.

Ademais, reclamoulle ao responsábeis municipais que aclaren se é certo que levan dende 2012 sen abonarlle o canon, tal e como esgrimen dende Cespa-Ferrovial para xustificar a decisión de introducir recortes no servizo e reducir os soldos do cadro de persoal. Pola súa banda, os partidos da oposición reclamáronlle ao Goberno local que en primeiro lugar abone o canon para logo poderlle esixir á compañía que cumpra o prego de condicións.

Dende a CIG-Servizos adiantaron que os traballadores/as da recollida do lixo celebrarán este venres a última asemblea antes do inicio da convocatoria de folga indefinida.

Volver