O Concello de Maceda pacta o primeiro convenio colectivo para o persoal laboral

Tamén se negociou o acordo regulador para os funcionarios/as e as bases de contratación
Ourense - 23 Xan 2018

A mesa xeral de negociación do Concello de Maceda, integrada por CIG, CCOO, CSIF e o Grupo de Goberno municipal, vén de aprobar o primeiro convenio colectivo para o persoal laboral, o primeiro acordo regulador para o persoal funcionario e as primeiras bases de contratación.

Segundo fixeron público as partes, o convenio para o persoal laboral ao servizo do Concello de Maceda terá unha duración de catro anos, os mesmos que se establecen para o acordo regulador para o funcionario. 

Os acordos serán sometidos a consideración e aprobación do pleno municipal

A maiores pactouse o texto da futura Ordenanza Reguladora das Bases Xerais de contratación de persoal. Estes acordos serán sometidos á consideración e aprobación plenaria na sesión do máximo órgano municipal que se ha celebrar o próximo 25 de xaneiro.

Dende a CIG de Ourense salientan que unha vez entren en vigor o persoal laboral, no caso de ser despedido, terá dereito de opción entre ser indemnizado e ser readmitido no ente local. Ademais, o Goberno local adquire o compromiso de non privatización de servizos municipais, ao tempo que se crea un complemento de antigüidade para todo o persoal laboral.

Outras cuestións importantes son o estabelecemento de complementos de posto de traballo para o persoal laboral: perigosidade, penosidade, toxicidade, festividade, nocturnidade, especial dispoñibilidade, responsabilidade, especial dedicación, etc.

No que respecta ao persoal funcionario, créase un premio e cualifícase o complemento específico e institúese o dereito a un complemento salarial por invalidez até o momento da xubilación.

“A maiores, tamén cabe destacar, en relación coa Ordenanza Reguladora pola que se aproban as Bases Xerais de Contratación, que a partir de agora todas as ofertas de contratación que desexe realizar o Concello de Maceda deberán ser supervisadas e negociadas, nas súas bases específicas, coa representación sindical, así como publicadas no BOP e na páxina web municipal”, indican na central.

Máis dereitos e mellores servizos

Finalmente, dende a CIG -que conta con 5 dos 6 delegados/as nos comités de empresa do Concello de Maceda- trasládanlle os seus parabéns a todas as partes negociadoras “porque nun momento tan complicado para as relacións laborais como o actual tiveron a paciencia e a audacia de chegar a acordos que se dirixen a estabilizar e mellorar os dereitos dos traballadores/as, así como a garantir os servizos públicos para os cidadáns/ás e a non precarizalos”.

Ao mesmo tempo, lembran que a representación sindical xa alcanzara un acordo de aprobación destas normas en 2011 que finalmente non fora aprobado polo pleno, “velaí o motivo polo que estes acordos gañan enorme importancia, tanto dende a perspectiva da política municipal como dende a perspectiva da regulación das relacións laborais no ente local”.