O Concello de Guitiriz, obrigado por sentenza a recoñecer o dereito dunha traballadora a conciliar

A CIG de Lugo-A Mariña entende que a resolución constata un novo abuso legal do goberno municipal
Guitiriz - 27 Out 2017

O Xulgado do Social Nº 2 de Lugo vén de estimar unha demanda dunha traballadora do Concello de Guitiriz que denunciou á administración local pola denegación da concreción horaria, tras a solicitude de redución de xornada por coidado de menor. Para a CIG de Lugo-A Mariña esta sentenza constata que "nos atopamos diante dun novo abuso legal por parte do Concello de Guitiriz contra os dereitos dos seus traballadores e traballadoras".

Neste caso ademais, engade Lois Neto, secretario de organización da CIG de Lugo, trátase dun caso de vulneración do dereito de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, o cal amosa "a absoluta insensibilidade dun Goberno dun partido que supostamente defende as e os traballadores, e liderado por unha muller, ante a problemática que as mulleres teñen para poder conciliar a súa vida laboral e familiar".

Esta sentenza confirma a nefasta, arbitraria e caprichosa política de persoal do Concello de Guitiriz"

De igual xeito, considera que esta sentenza confirma "a nefasta, arbitraria e caprichosa política de persoal do Concello de Guitiriz", que obriga os traballadores e traballadoras a xudicializar continuamente o exercicio dos seus dereitos recoñecidos tanto no Estatuto dos/as Traballadores/as coma no propio Convenio Colectivo do Concello.

Probas da discrecionalidade que a CIG denuncia aparecen reflectidas na propia sentenza, na que literalmente se di que “o único que manifesta na súa resolución de rexeitamento da pretensión da demandante, son vaguidades” ou que a denegación da solicitude da concreción horaria se fixo “sen invocación algunha que xustifique a imposibilidade ou os prexuízos concretos efectivos que se derivarían do horario proposto”.

Actitude "caudillista"

Dende a CIG instan a alcaldesa, Regina Polín, "a que entre en razón" e mude a súa actitude "caudillista" nas relación laborais do Concello, "pois a mesma está a amosarse que é absolutamente errada e só está a conseguir a xudicialización das relacións laborais", co gasto de recursos económicos por parte do Concello que isto implica e que ao final pagan todos os veciños e veciñas".

Cómpre lembrar que o mércores desta semana a CIG realizou unha concentración diante do casa consistorial para esixir a readmisión dun traballador do GES, despedido tras varias denuncias interpostas -pola CIG e polo propio afectado-, contra os incumprimentos nas condicións laborais do persoal do GES e deste traballador en particular.