O Concello da Fonsagrada incumpre as sentenzas sobre os despedimentos do persoal do GES

A CIG de Lugo-A Mariña cualifica de "irresponsábel" a actitude do alcalde
A Fonsagrada - 08 Ago 2017

Logo das catro sentenzas que consideraban nulos por segunda vez os despedimentos dos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), o Concello da Fonsagrada aínda non cumpriu co fallo das mesmas: nin readmitiu ao persoal nin pagou os salarios de tramitación.

Ademais, todo fai indicar que a súas intencións van no camiño contrario, posto que vén de presentar escrito no xulgado solicitando que sexa o Concello de Baleira quen teña que readmitir os despedidos, pois, ao seu entender, sería este o que ocupa agora o lugar que antes ocupaba o Concello de Fonsagrada e onde se darían as condicións para a subrogación dos traballadores do GES.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, denuncian a demora do alcalde da Fonsagrada para cumprir as sentenzas, "para seguir nunha fuxida cara adiante e non asumir a realidade, esquecendo a situación laboral na que se atopan os traballadores".

Fronte a esta actitude, a CIG solicitou xa a execución provisoria das sentenzas, xa que foron recorridas, pedindo multa diaria por cada día de atraso na readmisión dos traballadores.

"A CIG considera responsábel desta situación ao alcalde e denuncia a súa falla de sensibilidade social, pero tamén demostra a incapacidade política para dar por rematado un despropósito que prexudica gravemente os intereses do propio Concello".