O Concello da Bola “celebra” o Día do Maior consumando a agresión a persoal e residentes

A alcaldesa expulsa todo o persoal da concesionaria da residencia da terceira idade, pondo en risco os postos de traballo

Ourense -

A CIG de Ourense denuncia a expulsión por parte do Concello da Bola de todo o persoal da empresa que até o día de hoxe xestionaba a residencia municipal da terceira idade, pondo en risco os postos de traballo ao prohibirlles permanecer dentro do recinto. Esta situación é produto do traspaso do servizo ao Concello, efectuado na mañá deste luns coa colaboración da Garda Civil e a complicidade da subdelegación, como colofón dun proceso plagado de irregularidades e coaccións. A central denuncia, de novo, que os residentes -alguns mesmo centenarios- e traballadores/as son os grandes prexdicados na guerra sen cuartel que libra a alcaldesa Teresa Barge (PP) contra a concesionaria Carbatari S.L.

 

A CIG de Ourense denuncia que axentes da Garda Civil colaboraron na mañá de hoxe, xornada en que se conmemora o Día Internacional das Persoas Maiores, nunha nova intromisión do Concello da Bola na residencia de maiores municipal, o que supón o incumprimento dos compromisos dados desde a subdelegación o pasado venres.

Todo isto sucede nun día no que se efectivizou o traspaso do servizo desde a concesionaria Carbatari S.L. ao Concello, nun proceso cheo de irregularidades, chantaxes ás familias e actitudes violentas por parte do goberno municipal, coa súa alcaldesa á fronte.

A CIG denuncia, así mesmo, a total incertidume xerada para os traballadores/as da actual concesionaria despois de que a alcaldesa os expulsara da residencia, coa prohibición expresa de permanecer dentro do recinto, o que podería significar a perda do seu posto de traballo. Aínda así, indica que o cadro de persoal ten previsto presentarse este martes no seu posto ás 8 horas, inicio da súa xornada habitual, facendo valer o seu dereito á subrogación recollido no convenio colectivo.

Indica, ademais, que os dereitos dos traballadores/as están sendo vulnerados nos últimos días desde o goberno municipal ao destinar de forma irregular persoal externo sen experiencia acreditada para facerse cargo do servizo, así como polas coaccións e situacións de tensión exercidas sobre o actual cadro de persoal.

A campaña de descrédito levada a cabo desde o Concello contra a actual xestora da residencia de maiores contemplou a difusión de informacións falsas ou parciais sobre o estado dunhas instalacións inauguradas en 2012 que superaran con éxito as últimas inspeccións de Sanidade e de Traballo.

Condena, por último os graves prexuízos para os residentes, nalgúns casos centenarios, que tiveron que sufrir asaltos ás instalacións e escenas de violencia provocada pola rexedora e afíns, así como os riscos para a súa saúde derivados tanto da cesións a novos coidadores/as como do eventual traslado a outra residencia.

A "acta" do esperpento

Os dereitos laborais e a saúde dos anciáns da Bola pouco importan á alcaldesa Teresa Barge, do PP. Esta é a esperpéntica "acta" pola que o Concello "asume" a custodia de instalacións e usuarios/as da residencia de maiores. "Celebra", así, este Día Internacional dos Maiores.

Volver