O Comité de Ferroatlántica reitera: os proxectos anunciados pola empresa non poden estar ligados á venda das centrais

Os/as traballadores/as realizaron este venres unha nova concentración ás portas da fábrica de Brens contra as pretensións da empresa
Cee - 16 Dec 2016

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica continuaron na tarde deste venres coas mobilizacións contra a decisión da empresa de manter a intención de vender as centrais hidroeléctricas. A concentración, realizada diante da fábrica de Brens, enmárcase no calendario aprobado polo Comité e as asembleas de persoal para o mes de decembro "até que a empresa desista na intención de vender as centrais".

O Comité mantén unha a firme posición contraria á venda da centrais "xa que é a única garantía de viabilidade e de emprego para a comarca". A este respecto lembran que dende hai 25 anos veñen denunciando e reclamando inversións reais para a Costa da Morte e, en concreto, nas fábricas de Cee e Dumbría "cos beneficios que serviron para montar e modernizar plantas noutras partes do mundo".

A empresa, pola súa banda, continúa a desenvolver unha campaña mediática para influír na opinión pública, realizando anuncios de inversións e proxectos industriais no noso país vencellados a autorización da operación.

A representación social saúda calquera proxecto que supoña a creación de postos de traballo e o fortalecemento do tecido produtivo galego, pero no caso do Grupo Villar Mir isto non pode ir ligado á venda das centrais hidroeléctricas nin á segregación da actividade enerxética e de ferroaleacións.

Que os beneficios revertan nas fábricas e na comarca

Non hai que esquecer que o grupo empresarial utilizou a mesma manobra cando no ano 1992 adquiriu o complexo industrial, as centrais e os encoros. Para tentar xustificar a desvinculación das plantas de electricidade e as fábricas tamén se comprometera a realizar unha serie de investimentos e dende  aquela apareceron outras promesas como a construción do famoso forno 23.

É hora de que os beneficios revertan nas fábricas e na comarca, pero non a costa da venda do noso principal activo"

Na práctica, estes investimentos limitáronse ás obras mínimas de mantemento, mais non se ampliaron as liñas de produción nin se modernizaron as instalacións. "É hora de que os beneficios revertan nas fábricas e na comarca, pero non a costa da venda do principal activo para a nosa comarca que son as centrais. É de xustiza social", aseguran.

En contraste co abandono das fábricas da Costa da Morte, o persoal destaca que tanto os recursos naturais galegos explotados pola empresa como as axudas recibidas dende o IGAPE e outros organismos públicos, reportáronlle a Ferroatlántica importantes recursos económicos durante os últimos 15 anos, invertidos en l+D+i para a consecución do proxecto FerroSolar.

E nesta liña, o persoal volve reclamar que o proceso de fabricación de silicio calidade fotovoltaica (Silicio FerroSolar) se leve a cabo integramente en Galiza  e esixen ao grupo Villar Mir que proceda á construción da nova planta en Sabón para a fabricación de Silicio Solar, anunciada o pasado setembro.

Presión a través dos medios de comunicación

Doutra banda, o Comité lamenta que determinados medios de comunicación estean a facer de voceiros do Grupo Villar Mir, dando pulo de xeito acrítico ás informacións e anuncios da empresa e mesmo tentando presionar á Xunta para que autorice esta operación, mediante posicionamentos favorábeis aos intereses empresariais nos seus editoriais e columnas de opinión.

Á vista do historial de promesas incumpridas, o Comité sinala a pouca credibilidade que lle merecen os proxectos anunciados por Ferroatlántica, pero advirte: "unha cousa é segura, vender as plantas hidroeléctricas e desvincular a produción de enerxía da produción de ferroaleacións suporá o peche das fábricas de Cee e Dumbría e a desaparición de 400 empregos".