O comité intercentros exixe a renuncia ou cesamento da directora xeral da TVG e RG polo vergoñento tratamento informativo da folga xeral

Denuncian unha cobertura aliñada co discurso do Partido Popular, nunha clara desviación de poder, e co claro obxectivo de criminalizar a protesta e ocultar as razóns da histórica mobilización
Nacional - 12 Nov 2026

O Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza (CSAG) pídelle á directora xeral da TVG e da RG, Concepción Pombo, que renuncie ao seu cargo, ou ao Consello de Administración que inicie o mecanismo para propoñer o seu cesamento, por entregar os medios públicos de comunicación galegos ao Partido Popular que goberna na Xunta. A pinga que rebordou o vaso foi a lamentábel e vergoñenta cobertura informativa que os servizos informativos fixeron sete 11 de novembro da folga xeral, que decorreu por todas as cidades e vilas do país cun alto seguimento e con manifestacións multitudinarias de carácter histórico.

A representación do persoal salienta que os espazos informativos da televisión e da radio galegas, onde o seguimento da folga afectou máis que nunca á programación, limitáronse “de xeito burdo e insultante a recoller unha sucesión inverosímil de anécdotas relacionadas cos incidentes habituais nos piquetes informativos ou testemuños seleccionados única e exclusivamente para desprestixiar o dereito á folga e criminalizar as persoas que a secundaron e se mobilizaron ese día nas rúas”.

Chaman a atención sobre o feito de que resultou imposíbel para audiencia ver imaxes na televisión pública do histórico tamaño das numerosas manifestacións nin escoitar a algunha das centos de milleiros de persoas que as secundaron, nin as diversas razóns polas que o fixeron. “Onte negóuselle á cidadanía galega o dereito a recibir información veraz do que estaba acontecendo a través dos seus medios públicos de comunicación”, denuncian.  Por iso, tamén reclaman a destitución ou dimisión dos responsábeis dos servizos informativos e dos e das directoras e editoras destes espazos

O Intercentros considera gravísima a normalización deste secuestro da radiotelevisión pública de todas e insta aos partidos políticos con representación parlamentaria e ao Consello de Administración da mesma CSAG a tomar as medidas que legalmente correspondan para corrixir de vez esta perigosa desviación de poder.

Lembra o comité que despois das eleccións xerais do 29N, como xa se anunciara, a plataforma en defensa dos medios públicos decidirá a data dunha nova gran mobilización en defensa da radiotelevisión pública galega na que espera involucrar á maioría democrática da sociedade.