O Comité do Hospital Juan Cardona alerta da “total desorganización” do centro

Denuncian falta de coordinación nas quendas e servizos, peches imprevistos de unidades ou mestura de doentes hospitalizados con sociosanitarios
A Coruña - 23 Set 2016
O Comité de Empresa do Hospital Juan Cardona (Ferrol) alerta da “situación insostíbel” que veñen padecendo os traballadores e traballadoras deste centro privado por mor da “total desorganización” das quendas e servizos, o peche imprevisto de unidades, a mestura de doentes ou incluso a falta de seguridade nas obras que se están a realizar nas instalacións.

A representación social critica a “total desorganización” que se dá no conxunto das quendas e servizos “que ninguén ten interese por resolver”. Neste senso, refírense á externalización de servizo sen notificación previa e a falta de comunicación dos cambios de tarefas aos traballadores e traballadoras afectadas. “Son as empregadas e empregados quen deciden como sacar o traballo adiante, para que os usuarios e usuarias teñan a atención adecuada”, explica o Comité.

A isto súmase as ordes verbais ou anónimas por parte dos/as superiores “totalmente contraditorias que crean mal ambiente entre os compañeiros e compañeiras. Con frecuencia esas ordes son recibidas a berros, con insultos e de malas maneiras por parte das xefaturas".

Dende o Comité de empresa explican que se procede ao peche de unidades enteiras do hospital dun día outro, non comunicándoselle ao persoal afectado que quenda terá que realizar na xornada seguinte e “non respectando a lei en ningún caso. Por iso é imposíbel conciliar a vida laboral coa familiar”.

Ademais, estes cerres de unidades levan a mesturar doentes hospitalizados cos sociosanitarios, “xerando un caos total para o persoal que debe atendelos e que a empresa arranxa dando orde á enfermaría de que se centre só nos hospitalizados”. O Comité considera medida “alarmante”, xa que as e os doentes sociosanitarios son totalmente dependentes e con pluripatoloxías.

Falta de seguridade nas obras 

Por outra banda, a representación do persoal advirte da falta de seguridade nas obras que se están a realizar nas instalacións do centro, con caídas de cascallos en zonas habituais de traballo.

O hospital tampouco conta con servizo de seguridade, a pesares de que xa se teñen rexistrado “episodios de agresións verbais e até físicas e con arma branca”.

E por se fora abondo, o Comité denuncia que, ultimamente, a dirección mesmo comezou a chamar a atención a aqueles empregados e empregadas que falan galego durante a xornada laboral. Algo que entenden “incomprensíbel tendo en conta que o galego é tan oficial coma o castelán”.

Reclaman ao xerente que sente negociar

Todo isto prodúcese no marco do concerto que o SERGAS ten vixente co Hospital Juan Cardona “e que renova constantemente”. Porén, “non se preocupa de que os traballadores e traballadoras dispoñan dun uniforme limpo cando entran a traballar”.

Estas situacións, subliña o Comité, son “cotiás”, polo que entenden como inadmisíbel que o Xerente non sente a negociación coa representación legal dos traballadores/as. “Decidiu que era innecesario. A este respecto, lémbranlle o talante dialogante do que facía bandeira o pasado ano ao coller o cargo. “Pero o que vimos até o de agora é que mantén como eventuais a traballadoras e traballadores que levan até 16 anos naempresa, ou directamente cerra servizos básicos para o centro por non cubrir vacacións”, afirman.

O Comité subliña que “os traballadores e traballadoras do Hospital Juan Cardona son profesionais que o único que piden é respecto para poder traballar en boas condicións, e que as súas e os seus doentes estean perfectamente atendidos, cousa que debería ser compartida pola dirección da empresa, pero que por mágoa dista da realidade”.