Comité do 112 denunciará a Xunta no Comité de Peticións do Parlamento Europeo

Polo deficiente funcionamento do servizo, os fallos na plataforma informática e a precarización laboral
Nacional - 14 Xun 2017

Representantes do comité do 112 compareceron este mércores en rolda de prensa xunto coa representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, para anunciar a presentación dunha denuncia perante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, pola situación do servizo universal de emerxencia europeo 112 e a aplicación deficiente, por parte do Goberno da Xunta de Galiza, da normativa comunitaria de emerxencias.

A presidenta do comité, Isabel Moares, explicou que esta denuncia prodúcese tras da constatación do mal funcionamento da nova plataforma informática, que foi financiada con Fondos FEDER. Pero foi a representante nacionalista no Parlamento Europeo, Ana Miranda, a encargada de explicar polo miúdo o seu contido.

Segundo Miranda, esta denuncia -que se tramitará o vindeiro martes día 20 en Bruxelas- ten en conta elementos relacionados coa “baixada da calidade do servizo, que implicou monitorización de tempos, coordinación e rexistro” e cunha aínda maior precarización das condicións laborais e salariais, provocada polo traslado do centro de traballo de Compostela á Estrada.

Neste sentido subliñou que o 112 é un servizo público, tal e como se establece na normativa galega e comunitaria, creado en 1991 para que as/os cidadáns tiveran acceso a todos os servizos de urxencias.

A isto engadiu que en 2011 se aprobou unha Resolución do Parlamento Europeo que define este servizo e que di explicitamente que “debe ter calidade de excelencia ao ser un servizo público esencial que debe ser accesible, fiable, preciso e rápido, asegurando prestacións en tempo, fiábeis e rigorosas”.

Responsabilidade da Xunta de Galiza

A representante do BNG no Parlamento Europeo sinalou tamén que esta mesma Resolución sinala como responsábeis do servizo ás autoridades locais e rexionais –no noso caso a Xunta de Galiza- e pide que se “adopten as medidas necesarias para reducir o número de chamadas infructuosas, o tempo de establecemento da comunicación e de resposta”, entre outras cuestión.

Diante disto, Ana Miranda denunciou que co traslado á Estrada e o cambio de plataforma informática produciuse “unha deficiencia na calidade e excelencia do servizo” provocándose “grandes retrasos” e unha “ampliación dos tempos de resposta e xestión” o que considerou que vulnera a normativa comunitaria.

Por iso sinalou que o que se solicita do Parlamento Europeo é que este se dirixa á Comisión Europea para denunciar á Xunta de Galiza para que adopte con urxencia as medidas necesarias para “identificar e sancionar aos responsábeis pola planificación dun gasto neglixente que acabou por deteriorara o servizo básico, aumentando o tempo de resposta e contravindo a propia Resolución do Parlamento Europeo de 2011”.

Un gasto de 800.000 euros, que foi a cantidade pola que se licitou a nova plataforma informática e que foi cofinanciado nun 80% con fondos da UE.

60 día en folga

Pola súa banda Isabel Moares lembrou que o persoal deste servizo de emerxencias cumprirá mañá 60 días de folga, por causa deses problemas coa plataforma informatica “que é a nosa ferramenta de traballo” e por mor da negativa da empresa e da Xunta de Galiza a habilitar unha partida que permita ás traballadoras e traballadores minimizar os custos que, sobre os seus salarios, ten o traslado á Estrada.

A este respecto denunciou que a pesar de estar nesta situación a administración, máxima responsábel da xestión das emerxencias en Galiza, non deu resposta á súa solicitude de reunión até que o denunciaron publicamente. Unha reunión que quedou fixada para o vindeiro venres, día 16 de xuño, e da que agardan conseguir un acordo que permita desconvocar a folga.

Fallos da plataforma informática

Respecto dos fallos da plataforma informática Susana Camba, membro do comité de empresa, asegurou que os propios informáticos recoñeceron que “está moi ben pensada para cuestións administrativas pero non vale para xestionar emerxencias”. Denunciou que dá fallos, queda colgada e nin sequera está rematada, a pesar do que “estamos atendendo emerxencias reais e é unha temeridade”.

Camba lembrou que o propio persoal do 112 advertiu destes fallos cando estaban facendo as prácticas para afacerse ao seu manexo. Uns fallos que foron ignorados por empresa e administración e a pesar dos que se puxo en funcionamento o mesmo día que se fixo efectivo o traslado ás novas instalacións.

A modo de exemplo, aínda que nas anteriores comparecencias públicas xa denunciaron moitos dos problemas cos que se estaban atopando, Camba afirmou que onte mesmo a plataforma “quedou colgada” e estivo sen funcionar máis de media hora, o que obrigou ao persoal a recoller as emerxencias con bolígrafo e papel. Por iso desmentiu as afirmacións que se fan por parte de representantes do goberno galego de que se trata de problemas puntuais porque “non o son”.

Tamén para exemplificar os problemas derivados do mal funcionamento da plataforma explicaron que hai catro días houbo unha emerxencia marítima cun barco que estaba entre augas galegas e portuguesas. Unha incidencia que, segundo afirmou Moares, tivo que ser atendida polos servizos de emerxencia portugueses porque cando se ían xestionar os medios desapareceron todos os datos da pantalla.