O comité denuncia que Teleperformance continúa destruíndo emprego na delegación da Coruña

A Coruña - 04 Mar 2024

O comité de Teleperformance ten convocada unha concentración para o próximo luns, 11 de marzo, ás 13 horas, diante da delegación da Coruña en rexeitamento á política de destrución de emprego que a empresa leva anos aplicando nestas instalacións. A decisión adoptouse despois dos últimos despedimentos arbitrarios e inxustificados executados por Teleperformance na campaña UFD e o comité acordou solicitar tamén unha reunión co dirección da empresa a nivel estatal para abordar as demandas da parte social.

Lembran que a desaparición de servizos históricos levaron a que na delegación da Coruña se pasara de contar con case 1000 traballadoras e traballadores a ter só 515 en xuño de 2023. Un proceso de destrución de emprego afianzado pola deslocalización a Colombia do servizo de atención á clientela de Unión Fenosa Distribución, malia que a empresa anunciou que mantería os postos de traballo no estado.

O ano pasado, Teleperformance aplicou un ERE que supuxo o despedimento de 300 persoas a nivel estatal e que afectou a 38 compañeiros e compañeiras da delegación da Coruña. "E agora seguimos vivindo un goteo constante de despedimentos “disciplinarios”, que acabarán todos eles sendo declarados improcedentes, pero que supoñen que compañeiras e compañeiros queden na rúa".

Para o comité, estas actuacións empresariais van dirixidas a xerar un clima laboral de terror e "a manter sometido ao persoal con presión inadmisíbeis". Por iso, avanzan que, de non mudarse esta situación, "levaremos adiante todas as accións necesarias", comezando pola concentración de delegadas e delegados do día 11, pero intensificando as mobilizacións de ser preciso.

"Non imos consentir que o traballo diario se converta nunha tortura e nunha incerteza para o persoal da delegación, que está a desenvolver actualmente o seu labor baixo ameazas e presións constantes, e co temor de ser ou non o seguinte en saír despedido", subliñan nun comunicado.

A este respecto, a representación do persoal reitera a denuncia pola falta de responsabilidade social de multinacionais como Teleperformance "que ano a ano aumentan os beneficios da dirección, en lugar de investir na mellora das condicións laborais ou nun mellor servizo e trato á clientela". Fronte a isto, demanda da empresa unha "aposta firme e convincente non só polo mantemento do emprego, senón polo crecemento do mesmo no centro de traballo da Coruña".