O comité de XEAL reclama na Xunta a reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas
Anuncia que presentará denuncia no xulgado do penal contra os incumprimentos da empresa
Representantes de XEAL concentrábanse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para reclamar, máis unha vez, a súa intervención diante do incumprimento das cláusulas das concesións e para que lle exixan á empresa o cumprimento da sentenza do TSXG. Demandaron ademais a reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, o cese da represión sindical e a adopción de medidas contra o coordinador que foi sentenciado xa en primeira instancia por acoso sexual.
Segundo explicou o representante da CIG, Alfonso Mouzo, o comité vén reivindicando xa desde que foi o cambio de titularidade, en agosto de 2019, a maquila que fixeron. Denunciou que a produción industrial foi cada vez a menos, que só estiveron cinco fornos funcionando catro meses, en 2019, e que despois a empresa dedicouse á produción de enerxía eléctrica, “sen respectar as concesións hidroeléctricas, nin a sentenza de novembro de 2020 do TSXG”. Unha sentenza na que se di claramente que hai que manter a actividade industrial nas fábricas de ferroaleaxes de Cee e Dumbría, así como o emprego.
A este respecto, Mouzo asegurou que en 2019 eran 293 persoas fixas e agora non chegan a 260, polo que entende que non está respectando os acordo das concesións nin a propia sentenza.
Condenado por acoso sexual
O representante da CIG denunciou ademais que malia o coordinador de seguridade ter sido condenado en primeira instancia por acoso sexual “segue traballando sen problema ningún, non lle aplicaron ningún expediente na empresa e porén, un compañeiro do comité que foi declarar como testemuña nese xuízo despedírono. Isto é oi mundo ao revés”, aseverou.
Convenio caducado
Por outra banda lembrou que desde o 1 de xaneiro deste ano estáselles aplicando o convenio de sector da industria do metal da provincia da Coruña porque o de empresa non ten ultraactividade.
Nese sentido, explicou que pediron unha mediación a semana pasada, “porque nunha comunicación da empresa aos traballadores, do pasado 15 de decembro, dicía que estaba disposta a seguir negociando un convenio colectivo propio”. Porén, denunciou, “no día de onte chegounos a comunicación rexeitando a mediación”.
Diante desta situación, o comité denuncia que a empresa “quere é destruír o pouco emprego que hai na Costa da Morte e aínda por riba, agora, atentando contra os dereitos adquiridos que tiñamos os traballadores.
Vía penal
O comité avanzou que tamén presentará denuncia no xulgado do penal contra os incumprimentos da empresa e as posibles complicidades que podan darse por acción ou inacción nos entes públicos ou calquera outra institución, así como polos acordos argallados entre Ferroatlántica e TPG, polo cal as fábricas de Cee e Dumbría pasaron a ser unha maquila de FerroGlobe, supeditadas ás decisións deste grupo pero fóra do mesmo.
Respecto disto último Mouzo lembrou que seguen dependendo do grupo FerroGlobe, “que é o que nos está pagando as nóminas e estamos como unha subcontrata deles pero con condicións inferiores”. Mouzo asegurou ademais que “desde que chegaron estes novos propietarios aplicáronse dous ERTES e nas outras fábricas de Ferroatlántica que ten no estado espñaol non se lle aplicou ningún. Considerámolo unha falta total de empatía cara nós cando eramos a xoia da coroa”.
O comité mantivo onte unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG e hoxe cos do PP e PSOE e coa directora de Relacións Laborais.