O comité de Vitrasa modifica os paros parciais durante o Nadal para reclamar un convenio digno

Tamén desenvolverá concentracións diante do Concello de Vigo os días 20 e 28 de decembro
Vitrasa - 15 Dec 2022

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, anunciou hoxe que dende o 23 de decembro cambiarán as xornadas e horarios dos paros parciais que están a desenvolver para reclamar un convenio colectivo digno. A partir do vindeiro 9 de xaneiro retomarase a actual modalidade de paros. Tamén desenvolverá concentracións diante do consistorio os días 20 e 28 de decembro.

Deste xeito, dende o día 23 os paros terán lugar os luns, mércores e venres (excepto festivos) de 18:30 a 20:30 horas e o xoves día 5 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas. A partir do 9 de xaneiro retomaranse os paros actuais: luns, mércores e venres de 7:30 a 9:00, de 14:00 a 15:30 e de 00:00 a 1:30 horas. 

Os paros terán lugar os luns, mércores e venres (excepto festivos) de 18:30 a 20:30 horas e o xoves día 5 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas

Ao mesmo tempo, dende a representación dos traballadores/as adiantan que levarán a cabo concentracións diante do Concello os días 20 e 28 de decembro ás 10:00 horas, protestas ás que convidan a participar tanto ao cadro de persoal como ás persoas usuarias do servizo “para deixar claro que estamos fartos/as desta situación e que esiximos unha solución”.
Estas mobilizacións son un paso máis no intento de conseguir un avance na negociación do convenio, caducado dende 2020, “así como unha mellora nas nosas condicións diarias que nos permita prestar un servizo de calidade, tal como a cidade de Vigo merece”.

Dende o comité lamentan que “tras un período de protestas secundadas pola maioría do persoal, e a pesar da boa disposición por parte da representación legal dos traballadores/as, a dirección non moveu un dedo para tentar buscar unha solución, facendo caso omiso, tanto a empresa como o Concello, ás numerosas queixas das persoas usuarias afectadas por esta situación”.

Sen mediación do Concello

Segundo critican, “isto demostra o irrelevantes que son, tanto para o grupo Avanza -do que fai parte Vitrasa- como para o Concello de Vigo, os pasaxeiros/as, que necesitan de maneira urxente que se renove o servizo con normalidade”.

E denuncian que a pesar de ser un servizo público esencial o alcalde en ningún momento tentou mediar nun conflito laboral que afecta a toda a cidadanía e é competencia municipal. “Esta actitude de deixamento contrasta coa tomada polos rexedores doutras cidades (Ourense, Zaragoza, etc), nas que a súa intervención facilitou chegar a un acordo”, rematan.