O comité de Vitrasa denuncia que nin a empresa nin o Concello acceden a negociar a pesar do aumento dos paros

Dende a representación do persoal descúlpanse polos prexuízos que a medida de presión lle está a causar ás persoas usuarias
Vigo - 13 Feb 2023

Desde o comité de empresa da Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, denuncian que a pesar de aumentar os paros a semana pasada (cun novo decreto de servizos mínimos que entenden abusivos e vulneradores do dereito a folga por aumentar do 25% ao 40%) tanto a empresa como o alcalde seguen sen convocar a representación do persoal a unha reunión, co conseguinte prexuízo para a veciñanza.

Diante disto, queren pedir desculpas a todas as persoas que se vén afectadas pola medida de presión, “pero é a única forma que temos de reivindicar unhas condicións de traballo dignas (salario conxelado dende 2021, falta de descanso na xornada, xornadas de 10 horas, eventualidade, etc)”.  

Os paros son a única forma que temos de reivindicar unhas condicións de traballo dignas

Así mesmo, aseguran non entender como o Concello aínda non retirou a concesión a unha empresa que continuamente está a recortar servizos e frecuencias e a precarizar as condicións laborais. “O mal servizo que ofrece a empresa e o Concello impide a recuperación de viaxeiros/as, tal e como sucede na Coruña, onde se alcanzaron o ano pasado aos 20 millóns de usuarios/as”. Neste senso, apelan ao Goberno local a comparar o servizo de transporte urbano “co dos nosos/as veciños/as, no canto de fixarse en Tokio, Paris ou Nova Iorque”.

Investimento sospeitoso 

Ao mesmo tempo, consideran “incomprensíbel” que Vitrasa teime en continuar coa concesión a pesar das perdas económicas que declara (aínda aplicando dúas subidas importantes no prezo do billete), “e tendo en conta que o xulgado negoulle recentemente o reequilibrio millonario que lle solicitaron ao Concello”. Por iso cualifican de “sospeitoso” que veñan de facer un investimento millonario en autobuses de última xeración cando quedan pouco máis de dous anos de concesión.

“Resúltanos indignante que o alcalde se desentenda do conflito aludindo a unha discrepancia entre unha empresa privada e os seus traballadores/as, e que ao mesmo tempo agradeza á compañía a publicidade gratuíta que realiza e acuda a facerse a foto na presentación dos autobuses”.

Finalmente, instan o alcalde a explicarlle á cidadanía cal é o modelo de transporte urbano que vai expor na nova concesión. “Co prego actual cremos que a ningunha empresa privada lle vai resultar rendíbel facerse cargo do servizo”, auguran.