O comité de Vitrasa denuncia contratacións fraudulentas ante Inspección

Critican, ademais, toda unha serie de cuestións que minguan a calidade do servizo

Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria dos autobuses urbanos de Vigo, vén de presentar unha denuncia en Inspección de Traballo polo que considera contratación fraudulenta de traballadores/as. Nos últimos anos o número de persoal eventual disparouse e Vitrasa contrata e despide reiteradamente diferentes persoas para ocupar os mesmos postos.

Deste xeito a empresa asegúrase, ante o temor dos traballadores/as de contrato a seren despedidos, que estes accedan a realizar calquera servizo solicitado, aínda que en moitos casos se incumpra o convenio ou Estatuto dos Traballadores. Á súa vez estes traballadores/as non xeran antigüidade na empresa.

Un claro exemplo das consecuencias negativas deste método fraudulento de contratación son as non-renovacións de contrato nos últimos meses a varios traballadores/as que prestaban os seus servizos na empresa desde hai máis de 5 anos.

Por outra banda, desde o comité queren tamén dar a coñecer outra serie de problemas que afectan directamente ao seu labor diario e minguan en ocasións a calidade do servizo que se ofrece.

TEMPOS DE PERCORRIDO E DESCANSO

En moitas ocasións o tempo de percorrido é escaso e insuficiente, ben sexa debido ao aumento de trabas e obstáculos (pasos elevados, semáforos, etc) que van en aumento ou por problemas externos como son as obras, tráfico en horas punta, etc. Todo isto orixina que en certos momentos se acumulen atrasos e se xere malestar entre os usuarios.

Outra consecuencia do escaso tempo de percorrido é a diminución do tempo de descanso, chegando en ocasións a ser inexistente. Outro factor que inflúe negativamente son as xornadas excesivas, que en ocasións chegan a ser de máis dez horas diarias, afectando negativamente á saúde dos traballadores/as e á seguridade dos viaxeiros/as.

HORAS EXTRA

Até hai poucos meses en que se denunciou o seu prezo, o valor das horas extra era inferior ao das horas ordinarias, o que favorecía á empresa para realizar un número desmesurado das mesmas. A día de hoxe e tras a sentenza que obriga a modificar o prezo, Vitrasa decidiu pagalas ao mínimo legal sen chegar a un acordo co comité no referente ao seu prezo ou compensación en descanso. Este problema vai unido á eventualidade, xa que o colectivo de eventuais, por medo a represalias, non se nega a realizar calquera petición de aumento de xornada.

BAÑOS

Outro gran problema co que se atopan no desenvolvemento do seu traballo diario é a falta de aseos durante os percorridos das liñas e nas cabeceiras das mesmas. Isto en ocasións obriga a realizar as súas necesidades de maneira pouco correcta chegando a realizalas na vía pública, problema que se agrava no caso das mulleres condutoras. Desde o comité de empresa realizáronse solicitudes tanto a empresa como ao concello, así como denuncia en Inspección de Traballo sen ningún resultado até o momento.

CAMARAS DE VIDEOVIXILANCIA

Vitrasa comezou de maneira gradual a incorporar cámaras nos seus autobuses até chegar a nova frota, que vén equipada con elas na súa totalidade. Nun principio a empresa xustificou a instalación como medida de seguridade de condutores/as e pasaxeiros/as, mais a día de hoxe pódese constatar que isto non é así e que en ocasións a finalidade é controlar e, nalgún caso, como xa sucedeu, sancionar aos traballadores/as chegando mesmo ao despedimento.

OUTROS

Outros problemas que teñen menos que ver coa realización do traballo, pero inflúen negativamente creando un ambiente laboral incómodo son: a falta de vestiarios e duchas para o persoal de condución, problemas coa entrega de uniformes, problemas coa entrega da recadación diaria, plan de igualdade caducado hai anos e que non se chega a renovar pola negativa da empresa a melloralo.

Por todo isto desde o comité de empresa puxéronse en coñecemento estes problemas ante Inspección de Traballo e o Concello de Vigo, e en breve realizarase unha asemblea co persoal onde se proporán posibles medidas que permitan solucionar estes problemas, xa que as negociacións non dan chegado a bo porto.

Volver