O comité de Veolia proporá en asemblea convocar folga no mantemento do Cunqueiro

O persoal anunciou novo calendario de protestas para esixir un convenio que iguale as condicións laborais

Vigo -

O persoal de Veolia, concesionaria do servizo de matemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, rematou hoxe coas primeiras mobilizacións convocadas para reclamar un convenio colectivo no centro de traballo que remate coas diferenzas salariais e laborais entre os traballadores/as. A semana que vén celebrarán unha asemblea de traballadores/as, na que o comité proporá a convocatoria de folga indefinida.

Dende a representación dos traballadores/as explican que a vindeira semana levarán a cabo un novo calendario de protestas que se desenvolverá a diario no centro sanitario entre o luns 11 e o venres 15 en horario de 10:00 a 11:00 horas e de 14:30 a 15:30 horas.

Tanto hoxe coma onte desenvolveron mobilizacións tanto nos arredores do centro sanitario como diante das oficinas da Xerencia da EOXI e da empresa concesionaria do hospital.

Ademais, o luns 11 celebrarán unha asemblea de traballadores/as no que o comité de empresa, presidido pola CIG, proporá enviarlle un escrito ao xerente da EOXI solicitándolle unha xuntanza para abordar a problemática laboral, convocar folga indefinida e externalizar o conflito mediante a colocación de pancartas pola cidade e o reparto de panfletos informativos.

Volver