O comité de Unísono convoca paros o día 16 de outubro contra os abusos reiterados da empresa

O pasado martes 9 desenvolveron mobilizacións ás portas das instalacións que a empresa ten en Vigo
Vigo - 10 Out 2018

O comité de empresa das instalacións que a multinacional dos centros de chamadas Unísono ten en Vigo convoca paros o vindeiro día 16 de outubro ante a continua vulneración de dereitos e abusos reiterados sobre o cadro de persoal en materia de contratación, horarios, horas médicas ou vacacións, entre outros. A medida, que veu precedida de mobilizacións o pasado día 9 antes as portas da empresa, terá lugar entre 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 19:00 a 21:00.

Desde a sección sindical da CIG apuntan que Unísono, sexta no ranking estatal do sector dos centros de chamadas, “incrementa ano tras ano os seus beneficios a custa de recortar dereitos do persoal”. Unha denuncia que se concreta no incumprimento sistemático da lexislación, mesmo de sentenzas e acordos negociados coa representación dos traballadores/as.

Na convocatoria dos paros denúnciase a vulneración da lei no tocante á contratación, dado que Unísono move o persoal desde empresas de traballo temporal á principal e viceversa, así como o encadeamento de contratos que obrigan á denuncia constante ante Inspección para que as persoas afectadas logren a condición de indefinidas.

Indican, ademais, que a empresa incumpre acordos xudiciais no tocante á publicación das vacantes, impedindo cambios de posto ou quendas, así como outros referentes a asignación de preferencias horarias por cargas familiares ou estudos.

Alén disto, négase a cumprir o establecido tanto en convenio como en diversas sentenzas no que atinxe a permisos retribuídos e horas médicas.

Por último, salientan que nestes últimos meses a empresa implanta de xeito unilateral un procedemento de vacacións que non se axusta ao acordado en sede xudicial, sen negociar co comité, e que dificulta as solicitudes ao non permitir introducir mediante o programa as diferentes casuísticas persoais.

Por todo isto, e tras esgotar todas as vías de diálogo, o comité de empresa acordou a convocatoria de dous paros de dúas horas para o vindeiro martes 16 de outubro, en horarios de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00.

Como anticipo da medida, o comité desenvolveu o pasado martes 9 de outubro concentracións ante as portas das instalacións da empresa, facéndoas coincidir cos descansos do persoal para favorecer a súa participación.