O comité de Reganosa retoma a vía xudicial pola vulneración dos dereitos de conciliación, da intimidade e da desconexión dixital

Tras dous meses de negociacións infrutuosas coa dirección
Ferrol - 17 Dec 2025

O comité da Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa) informa que rematou sen acordo o prazo de dous meses que se deron a dirección e a RLPT para tentar resolver, mediante negociación, a demanda presentada ante o xulgado por vulneración dos dereitos de conciliación da vida familiar e laboral, da intimidade e da desconexión dixital.

“Este período de negociación iniciouse apenas cinco minutos antes do comezo do xuízo, malia que a Representación Legal das Persoas Traballadoras (RLPT) ofrecera en varias ocasións a posibilidade de acadar unha solución pactada: primeiro no SMAC, posteriormente en reunións celebradas nas instalacións de Reganosa e, finalmente, no acto de conciliación previo á primeira data sinalada para o xuízo”, explican.

Critican que ao longo destes meses de reunións, a dirección amosou, unha vez máis, “un total descoñecemento da magnitude do conflito, presentando propostas parciais, sen garantías xurídicas e orientadas exclusivamente aos intereses da empresa”.

O comité considera que a actitude da dirección evidencia que o seu único obxectivo era mellorar a súa posición procesual, tratando de proxectar ante o xulgado unha imaxe ficticia de ‘empresa dialogante’, malia a súa negativa reiterada a solucionar o conflito durante os últimos catro anos e máis dun ano de negociación do convenio de empresa sen avances significativos.

Prolongacións forzosas de xornada e imposición de horas extra

Ante esta falta de vontade real de alcanzar acordos e a imposibilidade de avanzar cara a unha solución xusta, o comité decidiu retomar o proceso xudicial, “coa firme convicción de que a xustiza recoñecerá e restituirá os dereitos lexítimos arrebatados de maneira unilateral pola dirección”.

Entre estas vulneracións atópanse as prolongacións forzosas da xornada, a imposición de horas extraordinarias obrigatorias, as chamadas durante os períodos de descanso ou vacacións, ou a obriga de portar un teléfono corporativo para manter o persoal permanentemente localizado, sen acordo previo coas persoas traballadoras.

O comité de empresa reitera a súa disposición ao diálogo e á procura de solucións que garantan os dereitos do persoal, mais lembra “que a negociación só é posíbel cando existe unha vontade real por ambas partes”.