O comité de Povisa desconfía do preconcurso e urxe a patronal e Sergas a resolveren a situación

Non dan crédito aos dados fornecidos pola empresa e temen que a situación faga perigar os postos de traballo

Vigo -

A representación do persoal de Povisa expresou a súa preocupación sobre as posíbeis consecuencias da situación xerada tras o anuncio do preconcurso de acredores sobre os perto de 1500 traballadores/es e 139.000 usuarios suxeitos ao concerto do maior hospital privado de Galiza. Así o afirmaron na rolda de prensa celebrada o pasado venres, onde conminaron a dirección e Sergas a resolveren a situación no menor tempo posíbel.

María Xesús Neira (CIG) manifestou as dúbidas do comité sobre os motivos reais que levaron a Povisa, propiedade do multimillonario oligarca José Silveira, a solicitar o preconcurso de acredores, xa que os resultados dos últimos exercicios non xustificarían a medida tomada.

Así e todo, e despois da alarma xerada nun centro que ten a súa principal fonte de ingresos no concerto subscrito en 2014 co Sergas, emprazan tanto á empresa como á administración a chegar a acordos antes dos tres meses do prazo preconcursal para evitar unha posíbel reestruturación que ameace os postos de traballo.

Insisten en que, para o comité, a discordia na interpretación do concerto vixente deben resolvela entre ambas partes, evitando repercutir sobre persoal e usuarios.

Neste sentido, indicou a súa satisfacción tras o compromiso do Sergas para garantir o cobro das nóminas a partir do vindeiro mes, manifestando a total incertidume sobre o futuro se non se dan solucións á problemática xerada. 

Estamos dispostos ao que sexa para loitar pola estabilidade dos postos de traballo"

 Así mesmo, denunciou a enorme precariedade e empobrecemento salarial arrastrada polos traballadores/as de Povisa tras oito anos co convenio colectivo conxelado, vítimas das discordias entre patronal e Xunta.”Estamos fartos de promesas, sen saber que vai ser de nós tras moitos anos traballando, e estamos dispostos ao que sexa para loitar pola estabilidade dos postos de traballo”, afirmou.

Indicou, por último, que teñen pendente unha xuntanza coa Consellaría de Sanidade, ademais de que nas próximas datas van manter unha rolda de contactos cos gobernos municipais da área suxeita ao concerto co hospital.

Xa están axendadas reunións co alcalde de Cangas o luns 8 ás 18 horas da tarde e cos de Gondomar e Nigrán o martes 9 ás 10 horas no concello desta primeira localidade. O mércores 10 entrevistaranse co alcalde de Baiona ás 16:30 horas da tarde, mentres que o xoves indican que manterán unha nova reunión do comité de empresa.

[ACTUALIZACIÓN] Xuntanza entre comité e Sergas do 8/10/18

O comité de empresa de Povisa vén de reunirse esta tarde con responsábeis da Consellaría de Sanidade na súa sede de Compostela para coñecer o estado das negociacións entre a Administración e dirección do hospital vigués, así como para transmitir as demandas do colectivo de traballadores/as.

Antonio Fernández Campa, xerente do Sergas, e Félix Ruibal, xerente da EOXI de Vigo, transmitiron a predisposición da Xunta para chegar a un acordo nas vindeiras datas que permita superar a situación creada tras a presentación do preconcurso de acredores. Indicaron, neste sentido, que o principal punto de debate continúa a ser o da adquisición de fármacos para pacientes ambulatorios.

Os representantes do comité, pola súa banda, entre os cales se atopaba María Xesús Neira (CIG), trasladaron a situación de inquietude do persoal e as demandas de tranquilidade e estabilidade laborais, rexeitando calquera instrumentalización do colectivo de traballadores/as. Reivindicaron, tamén, que no acordo ao que chegue Povisa co Sergas se recolla o pactado e asinado no concerto de 2006.

Recalcaron, asemade, que calquera pacto que se subscriba debe levar parella a mellora do convenio colectivo e avances nas condicións de traballo, entre elas, medidas para superar a situación de precariedade que padece o cadro de persoal.

Por outra parte, á axenda de contactos do comité para recabar apoio social súmase a do BNG, que será recibido no local sindical de Povisa este mércores 10 de outubro ás 9:45 da mañá.

Volver