O comité de Meirama exíxelle a Gas Natural Fenosa que despexe dunha vez o futuro da planta

Adianta que actuarán en función do que decida a multinacional
Ordes - 26 Xun 2018

O comité de empresa de Meirama compareceu esta mañá no salón de plenos do Concello de Ordes para demandarlle a Gas Natural Fenosa que despexe dunha vez o futuro da planta. O presidente do comité, Bautista Vega, alertou de que en 2020 tería que estar rematada a reforma necesaria para adaptala á normativa europea e que só queda ano e medio para realizala. Por iso demandou do Consello de Accionistas, que se reunirá este mércores día 27 de xuño, que tome unha decisión ao respecto.

“Nós exiximos que siga funcionando porque é unha central rendíbel que ten unha importante afectación económica e de postos de traballo para toda a comarca e para Galiza canto a produción de enerxía eléctrica”, explicou. A este respecto advertiu que “podería ser que Galiza pasase de ser excedentaria a ter que importala”.

Vega exixiu tamén á Xunta de Galiza e nomeadamente ao conselleiro de Industria e ao presidente do goberno “que fagan algo” porque malia terse aprobado na Comisión de Industria do Parlamento de Galiza por maioría que se instara a Gas Natural Fenosa a que investira na central para seguir producindo, “como comité de empresa non temos absolutamente ningunha noticia de que a Xunta fixera nada”.

De feito denunciou que nin sequera foron recibidos polo conselleiro de Industria cando hai tres meses que solicitaron unha reunión. Por iso reiterou a súa demanda de que “dunha vez por todas se poñan as pilas e defendan tanto os postos de traballo en Galiza como os enclaves produtivos”.

O presidente do comité asegurou que no futuro os traballadores/as “que xa están perdendo a paciencia pola espera en saber que vai pasar co seu centro de traballo, van actuar en función das decisións que tome Gas Natural Fenosa”.

Acordo para realizar as obras en 2015

Vega lembra que en xaneiro de 2015 o Consello de Administración de Gas Natural Fenosa, reunido en Compostela e presidido polo daquela presidente da eléctrica, Salvador Gabarró, acordou realizar as obras de transformación necesarias para adaptar ás exixencias comunitarias a central de carbón de Meirama. “Daquela o Presidente da Xunta apresurouse a anuncialo en rolda de prensa acompañado polo propio Gabarró. Agora queremos que se lembre disto e obrigue á empresa a cumprir”.

Sinala ademais que Galiza, durante moitos anos, “sufriu as consecuencias da produción de enerxía eléctrica por queimar lignito pardo e seguimos pagando a corrente como todo o Estado, a pesar de que hai comunidades que non producen un só quilowatio”. Porén, denuncia, “agora que se podería producir reducindo moi considerablemente a contaminación, por falta de investimento, podería obrigarse a pechar a planta de Cerceda”.

Normativa europea

A directiva europea de emisións industriais entrou en vigor en 2016. Dá ás empresas un prazo máximo para facer as reformas necesarias para reducir esas emisións. Do contrario, obriga a pechar as plantas que non se adapten aos requisitos previstos. Aquelas que se acolleron ao Plan Nacional Transitorio teñen até o 2020 para adaptarse e facer os investimentos necesarios. Hai outro plan, que sería por exención por vida útil e que afecta a centrais que terían que deixar de producir a partir do 2023 ou de 17.500 horas.

Meirama acolleuse ao primeiro Plan e, polo tanto, tería que facer esas reformas de adaptación á normativa comunitaria antes do 2020. O presidente do seu comité de empresa lembra que Gas Natural Fenosa xa ten feitos investimentos nalgunhas outras plantas: en León, unha desulfuradora, e en Narcea, en Asturias e que está pendente tamén de pechar a planta de Anllares.

Agardando desde 2015

O presidente do comité sinala que levan desde 2015 agardando por eses investimentos. “Diso van tres anos, os prazos son cada vez máis curtos e non se confirmou, para nada, ese investimento necesario para a instalación de dúas plantas: unha desulfuradora e unha desnitrificadora”.

Vega Tato matiza que as emisións de partículas contaminantes xa se reduciron cando se pasou do lignito pardo ao carbón de importación. “De 1,4 que tiña de xofre, co lignito pardo, ao 0,09 que tería o carbón que se queima actualmente”.

Asegura que con estas nova instalacións reduciríanse as emisións de xofre a atmosfera, en arredor do 90% e as de hidróxido de nitróxeno nun 80%, aproximadamente, co que se garantiría que a central, que “é absolutamente competitiva”, puidera continuar coa súa actividade até 2040 ou 2050.