O Comité de Liteyca entende o despedimento dun traballador como unha represalia pola súa participación na folga

Esta tarde realizaron unha concentración diante dunha das tendas de Movistar en Lugo para esixir a súa readmisión
Lugo - 29 Nov 2016

Traballadores/as de Liteyca en Lugo concentráronse esta tarde diante dunha tenda Movistar en rexeitamento ao despedimento dun compañeiro. Dende o Comité entenden que a decisión ten un carácter exemplarizante e que en realidade se trata dunha represalia pola súa participación na folga das contratas de Telefónica do pasado ano, que o traballador afectado secundou dende o primeiro día.

Para xustificar o despedimento, Liteyca alega que o traballador non utilizou correctamente  a aplicación de seguimento do traballo. O persoal, explica Xosé Manuel Rouco, secretario comarcal da CIG-Industria de Lugo, está conectado en liña e ten que informar de cada movemento que realiza.

O traballador, apunta, recibiu un apercibimento e aos poucos días a empresa comunicoulle o despedimento. "Os erros que puidera ter cometido o traballador non foron en ningún caso voluntarios e hai que aclarar que a aplicación que utilizan non resulta moi fiábel. Iso si, é un método claro de control do persoal , ao que a empresa pode recorrer para xustificar un despedimento", advirte Rouco.

De feito, xa hai outro traballador apercibido polos mesmos motivos e ao que a empresa xa adiantou que o 'seguinte paso' sería o despedimento. "Por iso entendemos que o despedimento executado é unha medida exemplarizante e co obxectivo de amedrentar ao cadro de persoal", denuncia.

A desta tarde é a segunda concentración que o Comité convoca para demandar a readmisión do compañeiro, e desta volta, acordouse levar a protesta até unha tenda de Movistar, xa que Liteyca é unha das empresas que se encargan da instalación e mantemento das redes e liñas de Telefónica.

O perverso sistema imposto por Telefónica

A precariedade que sofren os traballadores e traballadoras deste sector vén derivada do abusivo sistema de produción que a multinacional das comunicacións impón ás súas contratas e subcontratas e que estas trasladan aos seus traballadores/as.

Un sistema perverso no que Telefónica mesmo fomenta a competencia desleal entre as súas auxiliares para que tiren á baixa os custes dos traballos e que fomenta a subcontratación en cadea, dándose condicións laborais e salariais realmente miserábeis.

Esixir o cumprimento dos convenios a limitación da subrogación en cadea ou o recoñecemento do dereito á subrogación foron algunhas das principais demandas que levaron ao persoal das contratas e subcontratas de Telefónica a mantén unha folga en Galiza o pasado ano durante case dous meses.

Esta loita foi recoñecida pola CIG outorgándolle o Premio 10 de Marzo de 2016. Pincha aquí para ver o vídeo elaborado pola central sobre o conflito nas contratas de Telefónica.