O comité de Leche Celta en Meira estudará mobilizacións en demanda de melloras laborais e salariais

Ante a ausencia de propostas por parte da empresa
Meira - 22 Dec 2017

O comité da fábrica de Leche Celta de Meira valorará cos traballadores e as traballadoras iniciar mobilizacións ao non existir avances de cara a mellorar das condicións laborais e salariais do persoal. A empresa comprometérase a presentar unha proposta para avanzar nas aspectos económicos e sociais antes de fin de ano, que aínda non trasladou ao comité.

Hai que lembrar que o pasado 10 de novembro, logo de varias xornadas de folga, traballadoras e traballadores de fábrica de Leche Celta en Pontedeume (onde a CIG ten a maioría do comité) lograron a sinatura do primeiro convenio de empresa, que recolle substanciais melloras con respecto ao convenio estatal de referencia, o de industrias lácteas.

De xeito parello, o comité do centro de traballo de Meira (tamén con maioría de representación da CIG), tiña presentado propostas para mellorar as condicións económicas e sociais precarias que supón o convenio estatal. Estas reivindicacións víñanse realizando dende finais de 2016, o que provocou varias demandas presentadas polo comité de empresa no tocante a vacacións, calendarios, etc.

Diferenzas entre factorías

A este respecto o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, sinala que nesta factoría (a CIG obtivo en Meira representación por vez primeira hai 7 anos) é recorrente  dende hai xa tempo a consumación de diferenzas retributivas entre os distintos centros de traballo (Leche Celta conta con catro centros de traballo: dous en Galiza, un en Cantabria, un en Castela e León). "As permanentes discriminacións entre plantas unicamente contribúen a xerar crispación e tensión, algo que o comité da factoría de Meira ten denunciado en reiteradas ocasións", apunta López.

Recentemente, a empresa tratou de reducir esta tensión comprometéndose a presentar unha proposta de melloras, nos aspectos económicos e sociais, para atender as demandas do comité. Proposta que, supostamente deberían trasladar á representación do persoal antes de finalizar o ano.

Para o comité este compromiso da empresa "non deixa de ser unha nova cortina de fume coa que unicamente trata de salvar posíbeis mobilizacións na factoría de Meira". Así as cousas, o comité de planta de Meira (factoría que traballa en exclusiva envasando leite para Mercadona) "manterá as reunións oportunas co persoal para sopesar o inicio de mobilizacións ao non existir avances nas melloras das condicións do persoal antes de rematar o presente ano".