O comité de folga do 112 alerta da caótica situación e de 'gravísimos' atrasos na xestión de emerxencias

Manifesta a súa indignación pola desesperación e ansiedade que está provocando no persoal
Nacional - 20 Abr 2017

O comité de folga da central de emerxencias do 112 denuncia o caos que están xerando os constantes fallos do programa informático. Unha situación que se ve agravada pola insuficiente formación recibida polo persoal. Isto está provocando que se disparen os tempos de espera e de resposta para a xestión das emerxencias. O comité lamenta ver confirmadas todas as súas predicións e, máis aínda, que a Xunta de Galiza se negara a escoitar as advertencias das traballadoras e traballadores.

O comité de folga asegura que como o programa non está rematado é moi complicado e, en ocasións, imposíbel xestionar os recursos necesarios para responder nos tempos previstos as emerxencias. Como exemplo desta situación sinalan que “a xestión de recursos sanitarios que antes levaba un minuto de media agora está chegando a demorarse até cinco minutos” e que por parte de urxencias médicas están tardando dez minutos de media en chegar a comunicarse co 112, o que está trasladando os atrasos a outros organismos de emerxencia.

“Cónstanos que diferentes organismos de emerxencias están buscando fórmulas alternativas de comunicación entre eles para evitar chamar ao 112”, asegura en representación do comité Isabel Moares, quen manifesta a súa indignación porque “non é de recibo que unha chamada para comunicar unha emerxencia tarde 17 minutos, como ocorreu onte, en ser atendida. Máis cando pode estar unha vida en xogo”. Uns atrasos que calquera que chame ao 112 nestes días pode constatar.

Operadores/as chorando

O comité lamenta o estado de desesperación e ansiedade que este caos está provocando en profesionais con ampla e probada experiencia. “Ver a compañeiros e compañeiras saír chorando do seu posto de traballo pola enorme frustración que xera non poder atender as emerxencias axeitadamente, sabendo que hai persoas ao outro lado do teléfono agardando a ser atendidas, que poden estar sufrindo unha dor grave, que poden estar sendo agredidas ou que poden querer alertar dun accidente ou un incendio, é desolador”.

Por iso cuestionan as declaracións do Director Xeral de Emerxencias, Luís Menor, quen asegurou onte que “hoxe estamos máis seguros ca nunca”. Tamén consideran “insultante” que o vicepresidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, asegurara que o traslado se fixera con “total normalidade” e “segundo o previsto” e que “non se produciu ningún erro informático”.

Diante destas afirmacións o comité pregúntase se logo o que tiña previsto a Xunta de Galiza é que se produciran todos estes fallos e se consideran que o normal é que o programa non funcione como debería e que haxa atrasos na atención e xestión das emerxencias en Galiza. Todo isto sumado á obstinación da administración por manter as datas do traslado sen ter en conta nin o funcionamento óptimo dos medios necesarios para o correcta resolución de emerxencias e máis aínda cunha folga indefinida que a día de hoxe xa está no 60% de servizos mínimos.

O comité salienta o masivo seguimento da folga por parte do persoal do 112, que se estima en preto do 100% e reitera a súa demanda a que a Xunta de Galiza dea de inmediato unha solución a todos os problemas que ela mesmo xerou por precipitar un traslado cando aínda non se daban as condicións para o mesmo e por ignorar as demandas das traballadoras e traballadores que son, ao fin, quen realmente xestionan en Galiza as emerxencias.

“Queremos resolver canto antes esta situación, polo ben da poboación galega e para que se dea solución ás nosas demandas, mais tamén estamos preparadas/os para continuar o tempo que sexa necesario se a administración insiste en manter a súa hostilidade e ignorar ao persoal”, din representantes do comité.