O comité de folga de Xustiza solicita que se retome a mediación abandonada de xeito unilateral pola Xunta

O persoal manifestarase en todas as cidades ao longo desta semana
Nacional - 26 Feb 2018

O comité de folga de Xustiza, nun xesto de responsabilidade e na procura dunha vía para desbloquear o conflito, vén de solicitar a continuación das negociacións no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, coa mediación da presidenta deste organismo. Lembran que foi neste ámbito no único no que se lograron certos avances e un achegamento de posturas, que ficaron paralizados logo de que, o pasado 19 de xaneiro, a Xunta decidira de maneira unilateral abandonar esta mediación. A solicitude faise coincidindo co inicio da terceira semana da folga indefinida na Xustiza de Galiza.

A representación do persoal xa trasladara unha petición semellante o pasado 29 de xaneiro, que a Xunta decidiu ignorar. "O comité de folga actuou sempre con boa fe negociadora, solicitando documentación e aceptando debater a partir da mesma os cinco puntos reivindicados", reiteran no escrito. Neste senso, dende CIG-Xustiza subliñan que tras o abandono unilateral da mediación por parte da Consellaría, e a aparición de Facenda en escena, as negociacións "non só non melloraron senón que mesmo deron pasos atrás".

Ademais, a prepotencia amosada polo Goberno da Xunta do PP dende o inicio do conflito e as terxiversacións constantes sobre as reivindicacións da parte social, non fixeron máis que aumentar o malestar e o cabreo das traballadoras e traballadores. Unha crispación á que contribuíu de xeito especial o convite lanzado no medio dunha negociación polo Director Xeral de Función Pública, Xosé María Barreiro, quen emprazou o persoal a pedir o traslado a outra comunidade autónoma se estaban descontentos/as co salario que tiñan en Galiza.

Por iso, na multitudinaria manifestación do pasado sábado en Compostela non deixaron de escoitarse consignas pedindo a dimisión de Barreiro e do conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda (quen até o momento só fixo acto de presenza a través dos medios de comunicación).

Terceira semana da folga

Con este marco, o sector arrinca a terceira semana da folga indefinida iniciada o pasado 7 de febreiro (á que habería que engadir as tres xornadas de folga previas) preparando novas mobilizacións para visibilizar o conflito, así como repartos na rúa para informar a cidadanía das súas demandas e da situación real da administración de Xustiza en Galiza.

Calendario de manifestacións para esta semana:
  • Martes 27 de febreiro: Ferrol, ás 12:00h diante dos Xulgados
  • Mércores 28 de febreiro: Pontevedra, ás 12:00h diante da Subdelegación do Goberno
  • Mércores 28 de febreiro: A Coruña, ás 12:00h dende a r/Capitán Juan Varela
  • Xoves 1 de marzo: Vigo, ás 12:00h diante
  • Venres 2 de marzo: Ourense, ás 12:00h diante dos xulgados
  • Venres 2 de marzo: Lugo, ás 12:00h diante dos xulgados