O comité de folga de xustiza fixo un peche nas oficinas da Subdirección Xeral

Esixen da Consellaría que acepte a mediación do CGRRLL

Santiago -

Este mércores estaba convocada unha xuntanza entre o comité de folga e a Dirección Xeral de Xustiza para retomar as negociacións e tentar desbloquear o conflito. Porén, en vez de presentar unha proposta que permita un achegamento de posturas "a administración trouxo á mesa unha oferta que empeora as anteriores". Ante esta falta de vontade negociadora, a representación do persoal realizou un peche na Subdirección Xeral de Persoal (na EGAP) co obxectivo de demostrar "que nós si queremos negociar".

Así se expresaba Óscar Freixedo, representante da CIG na mesa de negociacións e unha das persoas que participou no peche nas oficinas da Subdirección de Persoal. O sindicalista criticou duramente que a Consellaría acudira á xuntanza deste mércores sen aceptar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais -tal e como se pedía dende  comité de folga- e aparecendo cunha oferta económica pechada e peor que a anterior, xa que atrasa un ano o inicio da súa aplicación.  

Freixedo acusou á Consellaría de Xustiza de abandonar de xeito unilateral a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, "único ámbito, recalcou, no que se conseguiran avances". Neste senso, lembrou que até a reunión previa á folga do día 25 lográrase un principio de entendemento en tres dos cinco puntos da plataforma reivindicativa e, ademais, a Dirección de Xustiza comprometérase a trasladar unha nova proposta económica para o seguinte encontro. "Estes avances lográronse no marco da mediación coa Presidenta do CGRRLL, e no momento no que a Consellaría decidiu abandonar a mediación racharon as conversas", subliña.

Dende ese momento, apunta, a administración limitouse a acusar a través dos medios de comunicación ao comité de folga de non  querer negociar, "utilizando mesmo a intranet xudicial para difundir información sesgada e falsa entre o persoal".

Diante destas actuacións da Consellaría de Xustiza e a falta de vontade negociadora amosada esta mañá, dende a representación social acordaron iniciar o peche e insisten en que non deixarán o encerro "até que se retomen as negociacións, mais coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais".

Até a EGAP trasladáronse traballadoras e traballadores de xustiza para amosar a súa disconformidade coa actitude da Xunta e apoiar os compañeiros e compañeiras que permanecen no peche. Até alí tamén se achegou a policía autonómica, quen "convidou" ao comité de folga a abandonar a súa medida de presión, advertindo de que serían propostos para sanción administrativa. Finalmente o comité, ante a falta de contactos coa Consellaría, optou por abandonar o encerro de xeito voluntario.

Volver