O Comité recorrerá os abusivos servizos mínimos impostos por Ferroatlántica para a folga do 10 de marzo

Denuncian que a empresa pretende minimizar a incidencia do paro
Cee - 06 Mar 2017

O Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee, Dumbría, Centrais Hidroeléctricas recorrerá ante o xulgado do Social da Coruña a imposición por parte da empresa "duns servizos mínimos abusivos".

Explican que na reunión mantida o venres coa dirección non se chegou a acordo sobre os servizos mínimos necesarios para poder desenvolver con normalidade a xornada de folga convocada para o vindeiro 10 de marzo. O paro desenvolverase das 06:00 horas ata ás 06:00 horas do día seguinte, afectando deste xeito ás tres quendas completas de traballo.

A parte social presentou unha proposta que, ademais de garantir a maior participación posíbel a todo o cadro de persoal, cumpría cos requisitos estabelecidos na lexislación de manter un servizo de seguridade e mantemento das instalacións para que, unha vez rematada a xornada de folga, se puidese reiniciar a actividade con toda normalidade. Porén, esta proposta non foi aceptada pola empresa.

"A empresa claramente está a impedir o dereito que os traballadores e traballadoras teñen a folga para protestar contra a decisión de querer vender ilegalmente as nosas centrais hidroeléctricas; unha acción máis que hai que sumar á campaña de manipulación á que xa nos ten acostumados", denuncian nun comunicado.

Manifestación ás 19:30 horas

A pesar dos servizos abusivos, aclaran, Ferroatlántica "non vai a impedir a xornada de folga" nin a manifestación prevista para o mesmo venres, con sairá da fábrica de Brens até a casa do  Concello de Cee ás 19:30.  

"Facemos un chamamento a participación na mesma a toda a cidadanía na costa da morte para berrar alto e claro que non imos permitir que se especule cos nosos recursos naturais, que hai que respectar o actual marco legal e que calquera proxecto industrial ten que a descansar sobre a base da non venda das centrais e polo tanto, financiado a través dun plan plurianual de reinversións das actividades e dos beneficios xerados polas concesións".