Imaxe: Xunta de Galiza

O Comité de Ferroatlántica cualifica a reunión con Industria de "preocupante" e "insatisfactoria"

Critican a actitude esquiva do conselleiro a respecto de impedir a segregación

Cee -

A postura defendida polo conselleiro de Industria na reunión que hoxe mantivo co Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas foi cualificada como "decepcionante" e "preocupante". Tras meses agardando a que Francisco Conde respondera ás numerosas solicitudes de xuntanza trasladadas polo Comité, "acudimos esta mañá a Santiago agardando facer fronte única e poñer en común coa Xunta as liñas de actuación necesarias para impedir que a empresa leve adiante a segregación de actividades".

Porén,  "saímos do encontro preocupados e insatisfeitos pola resposta da Consellaría, en todo momento esquiva na posición que vai ter para impedir a desvinculación da produción enerxética e de ferroaliaxes que pretende Ferroatlántica", censuran. O responsábel de Industria tampouco clarificou nin cando nin como vai proceder a administración para dar resposta á empresa.

Do mesmo xeito, na reunión tampouco se entregou ao Comité copia da documentación presentada por Ferroatlántica na Xunta, mais o conselleiro comprometeuse a que esta información será remitida en breve á parte social, unha vez Augas de Galicia acabe de preparala.

Claúsulas claras

Afirma o Comité "non entender esta actitude esquiva do conselleiro nin a falta de firmeza da Xunta para manifestar publicamente que non autorizará a segregación de actividades, cando as cláusulas das concesións dos aproveitamentos hidroeléctricos son claros e existen sentenzas do TSXG e o Supremo avalan estas condicións".

Neste senso, o Comité achegou á Consellaría o informe elaborado pola UdC (que determina a ilegalidade de autorizar a desvinculación) así como documentación pertinente que, en contra das afirmacións da empresa, acredita que as concesións para a explotación dos ríos Xallas e Grande sempre estiveron vinculadas á produción das fábricas, tanto nos anos 50, como no ano 92 ou no 94. "O estado orixinal desas concesións administrativas é estar vinculadas á produción industrial".

Valoración do plan industrial

Doutra banda, o Comité explicou a Conde a súa opinión sobre o famoso plan industrial asinado en Madrid, que é un plan de desmantelamento, perda de emprego e peche das fábricas, aclarándolle que o 72% da representación social dos centros de traballo de Galiza "nin apoia nin está a favor do mencionado acordo".

Xunto a isto, reiteraron que o interese xeral e o interese público xa está máis que garantido coas condicións estabelecidas nas concesións de 1994.

Finalmente, a parte social pediu que a Xunta dea traslado de toda a documentación presentada pola empresa aos concellos da Costa da Morte, "porque entendemos que tamén son parte interesada neste proceso, por canto está en xogo o futuro da comarca".

Volver