Comité Ferroatlántica chama a amosar o rexeitamento da comarca "á espoliación dos nosos recursos"

Coincidindo coa xornada de folga, o persoal ten convocada unha manifestación o 10 de marzo

Cee -

O Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee, Dumbría, Centrais Hidroeléctricas ten convocada folga para o vindeiro 10 de marzo en resposta ao anuncio público realizado pola empresa de vender as centrais dos ríos Xallas e Grande na Costa da Morte. Coincidindo co paro de 24 horas, os traballadores/as van realizar unha manifestación ese mesmo día que sairá ás 19:30 horas da fábrica de Brens e rematará na Praza do Concello de Cee.

Unha marcha na que chaman a participar a toda a veciñanza para amosar a Ferroatlántica o rexeitamento unánime da comarca fronte a espoliación dos nosos recursos e esixir a Xunta de Galicia que, de maneira inmediata e firme, paralice o intento de venda especulativa.

"Actuación ilegal"

O Comité reitera que "estamos ante unha actuación ilegal", que non respecta o actual marco legal que impide a venda e segregación das actividades de ferroaliaxes e enerxía e que pon en risco os máis de 400 postos de traballo que na actualidade existen. Por iso, denuncian a campaña de mentiras que a empresa enmascara baixo o denominado "plan industrial", "a través do que pretende enganar e confundir a opinión pública cun plan que na práctica leva á perda de emprego, ao desmantelamento e ao peche progresivo das fábricas de Cee e Dumbría".

Falsas expectativas da empresa

Fronte as aseveracións de Ferroatlántica, o Comité matiza que non se creará novo emprego, pois os postos de traballo que menciona a empresa xa existen, ao igual que a xubilación por relevo. Do mesmo xeito, dubidan da viabilidade da planta de carbón vexetal, vista a experiencia desta planta que a empresa ten parada en China e que apenas xeraba postos de traballo directos. "E incluso na planta de senterización que a compañía ten comprometido facer en Santander non se xerarán máis de 4 empregos, e xa foi desmantelada en Brens".

Desde o Comité denuncian unha vez máis que o plan industrial anunciado por Ferroatlántica non pode vincularse e ningún caso á venda dun dos seus principais activos: as centrais hidroeléctricas. Do mesmo xeito que non se pode segregar o futuro das fábricas de Cee e Dumbría da actividade de produción eléctrica, xa que é a única garantía de emprego e a que vén determinada nas concesións das centrais en relación á viabilidade das ferroaliaxes.

Débeda histórica

"A empresa terá a nosa disposición ao diálogo cando presente un proxecto industrial financiado a través dun plan plurianual de reinversións das actividades e beneficios xerados polas concesións. Se as nosas centrais dos ríos Xallas e Grande serviron, sen necesidade de vendelas para financiar proxectos fóra da nosa comarca e fóra do noso país, teñen tamén que servir agora para financiar un proxecto industrial para a modernización das nasas fábricas e crear novos empregos. É unha débeda histórica froito da explotación e espoliación dos nosos recursos naturais", aseveran.

Volver