Persoal do CAPM de Cerceda concentrouse esta tarde, coincidindo cun acto organizado no propio centro polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, dependente da consellaría de Política Social, para denunciar a situación que se vén producindo nos últimos anos no Centro de Atención a Persoas Maiores (CAPM), marcada pola falta continuada de persoal, as dificultades na organización do traballo e unha importante carga laboral que está a recaer sobre as traballadoras e traballadores.
O comité de empresa denuncia que o persoal do centro está a asumir diariamente unha elevada responsabilidade para garantir a atención e os coidados das persoas usuarias, facendo fronte a unhas necesidades de servizo que non poden ser resoltas a costa do esforzo individual das traballadoras e traballadores. A falta de medios e as dificultades organizativas teñen unha repercusión directa tanto nas condicións de traballo como na saúde do persoal e na adecuada prestación dun servizo esencial.
Neste contexto, produciuse a apertura dun expediente disciplinario a unha traballadora do centro, ante o que o Comité de Empresa expresa o seu apoio e solidariedade e reclama que o procedemento se desenvolva con todas as garantías, obxectividade e proporcionalidade, respectando plenamente os seus dereitos.
O Comité considera que non se poden abordar mediante expedientes disciplinarios problemas que teñen unha dimensión estrutural e organizativa. A responsabilidade de garantir unha dotación suficiente de persoal, unha organización axeitada e unhas condicións de traballo dignas corresponde á empresa e non pode recaer exclusivamente sobre quen sostén diariamente o funcionamento do centro.
Por iso, o Comité reclamou, con esta mobilización, que se celebrou baixo o lema “Máis persoal, menos presión e máis respecto polos dereitos laborais”, reclamou á empresa que escoite o persoal, adopte medidas para solucionar as carencias estruturais existentes e garanta un clima laboral estable, respectuoso e seguro.