O comité de empresa da Planta de Tratamento de Residuos de Lousame rexeita a instalación dun macrovertedoiro

Alerta de que será “un foco de contaminación de proporcións difícilmente calculábeis”

Lousame -

O Comité de Empresa da Planta de Tratamento de Residuos de Lousame e Recollida Viaria da Mancomunidade do Barbanza vén de manifestar a súa “máis rotunda oposición” á instalación dun macrovertedoiro de residuos industriais no concello de Lousame, e máis concretamente do lado das instalacións da súa planta. Xunto a iso, considera necesario realizar unha serie de valoracións sobre este proxecto e os diferentes sistemas de tratamento de lixo existentes en Galiza para entender o por que da súa oposición.

O Comité explica que na actualidade en Galiza existen dous sistemas de tratamento de residuos sólidos urbanos. O maioritario é o establecido pola Xunta de Galiza, SOGAMA, que actualmente xestiona o 80% dos residuos do país.

A este respecto sinala que “o proxecto de SOGAMA fundaméntase na incineración coa finalidade de producir enerxía, sen case valorizar nese proceso a recuperación de residuos”. Para entender o modelo de SOGAMA, asegura que “nada mellor que os datos aportados pola propia Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na presentación da memoria de actividade da planta este mércores 2 de novembro”.

Atendendo a isto, SOGAMA só recupera o 3% de todo o material que xestiona. Deriva directamente a vertedoiro un 20% do total e queima o restante para obter produción eléctrica. Cabe destacar que a enerxía producida derívase en boa parte ao consumo propio necesario para que o sistema funcione, e o beneficio da venta está en mans da empresa FENOSA, co cal non aporta ningún beneficio neste apartado. A iso hai que engadir que a emisión de gases contaminantes produto da incineración é moi elevada, e vai en aumento ano tras ano.

O comité subliña que “na actualidade emite anualmente 133 millóns de quilos de CO2 e 18.600 quilos de óxido de xofre á atmosfera” A isto engade que, o modelo de SOGAMA leva asociado ter que trasladar todos os residuos do País a un mesmo punto, Cerceda, co conseguinte incremento do gasto na xestión do lixo e a contaminación derivada da perda de lixiviados e emisión de CO2 no transporte por estrada. O 50% do total de residuos que chegan a Cerceda faino en camións.

Modelo de plantas de reciclaxe

 O outro modelo de xestión do lixo son as plantas de reciclaxe, en concreto as plantas de Albada (A Coruña) e Lousame. O comité de empresa incide en que a planta de Lousame “é un modelo diametralmente oposto ao de SOGAMA”, tanto polo tipo de tratamento de lixo, como polo seu carácter comarcal e polo número de postos de traballo que xera.

Explica que a actividade en Lousame non produce emisións de gases contaminantes, nin precisa de grandes desprazamentos por estrada ao ser unha planta de carácter comarcal. Parte do principio de máxima recuperación posíbel dos desperdicios, e neste sentido obtén os mellores resultados do estado español ao chegar á recuperación do 30% do total do material que entra na planta, fronte o 3% de SOGAMA.

Con todo o comité recoñece que “evidentemente precisa de melloras”, sobre todo na elaboración de compost, e tería posibilidades de aumentar a capacidade de recuperación con maior inversión por parte da administración autonómica, “algo que a actual Xunta non quere facer”. Por outra parte xera moitos máis postos de traballo que SOGAMA, xa que por cada traballador contratado por este sistema o modelo de Lousame necesita case 30 traballadores, se atendemos ao número de postos de traballo actuais por tonelada tratada en cada planta. A pesares de precisar de tanta man de obra,  non resulta máis custoso para os concellos que o de SOGAMA.

Macrovertedoiro

A proposta de instalar un vertedoiro de residuos industriais en Lousame forma parte, segundo o comité de Lousame,  da necesidade de SOGAMA de dispoñer de máis vertedoiros que o da Areosa (Cerceda), xa que este na actualidade ten acumulados máis de 5 millóns de toneladas de lixo, e fundaméntase nun modelo de xestión que non alberga máis saída que a de queimar ou amorear e enterrar. “Non é certo que o vertedoiro de Lousame vaia a ser un centro de tratamento, simplemente o que se pretende é superficie para almacenar 700000 toneladas de lixo”.

Por iso o comité manifesta que “os traballadores e traballadoras da Planta de Lousame non defendemos só os nosos postos de traballo. Defendemos que o noso País debe contar cun sistema de tratamento dos residuos moderno, descentralizado, respectuoso co medio ambiente, fundamentado na recuperación do lixo na maior porcentaxe posíbel e que a maiores xera máis postos de traballo que boa falta fan”.

Subliña que o modelo da Xunta, proposto baixo a idea de acumular todo o lixo do País nun único punto, “non só é unha bomba de reloxería ambiental”, senón que fracasa ao non ter capacidade material de seguir a acumular lixo no vertedoiro da Areosa de forma indefinida. “Agora queren instalar outro vertedoiro, e xusto do lado dunha planta totalmente diferente a ese modelo. Supoñemos que deben querer que pareza todo igual, cando non ten nada que ver un modelo co outro”.

Por iso manifesta “a nosa firme oposición á instalación dun vertedoiro en Lousame, tanto pola nosa condición de veciños e veciñas que non queremos que se instale un foco de contaminación de proporcións dificilmente calculábeis no noso entorno, como polo feito de que apostamos por un modelo de xestión do lixo fundamentado na recuperación, e no respecto ao medio ambiente e moito máis sostíbel que a simple acumulación de lixo e a queima, que a fin de contas xa era o que se facía hai máis de cincuenta anos. Nós non apostamos polo atraso para este País. O vertedoiro de Lousame é un atraso”.

Volver