Comité Autoridade Portuaria de Vigo trasládalle o seu apoio ao persoal investigado na 'Operación Govi'

Sostén que o delito que se lles atribúe débese a un erro nun procedemento interno de calidade
Vigo - 11 Dec 2017

O comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) vén de trasladarlle o seu “total apoio” aos traballadores/as involucrados/as na 'Operación Govi', aberta a raíz da suposta descarga e venta ilegal de peixe no porto vigués. A representación do persoal sostén que o delito que se lles atribúe a un total de 18 policías portuarios débese a un erro nun procedemento interno de calidade.

O comité aclara nun comunicado que en canto aos 18 policías portuarios que están a ser investigados pola suposta comisión dun delito continuado de falsidade documental, “a APV ten que asumir a responsabilidade dunha vez por todas e eximir os seus traballadores/as, pois o suposto delito que se lles atribúe a Garda Civil vén motivado por un erro nun procedemento interno de calidade (concretamente o “PC-01 explotación da lonxa”) e un defecto de forma nun dos seus documentos”. 

O propio presidente da APV asumiu que o procedemento interno non se adecuaba á realidade

Neste senso, lembran que o propio presidente do organismo público, Enrique López Veiga, entregoulles un escrito o pasado 16 de novembro no que asumía que o citado procedemento “non se adecuaba á realidade e xa con data de 15 de novembro deixábase de cubrir por toda a policía portuaria o documento relacionado”.

Así, sinalan que neste momento todos os procedementos están en situación de standby e que o propio comité solicitoulle á Autoridade Portuaria a contratación dunha consultora para a revisión e corrección de todos os procedementos que impliquen certificación algunha por parte da policía portuaria.Indican que tendo en conta que que este corpo realiza o seu traballo tal e como lle vén encomendado desde a dirección da empresa e que a máxima responsabilidade dos modelos e manuais de calidade recae tamén nos máximos responsables da empresa pública, o comité considera que está en mans do organismo eximir os seus traballadores/as, “que se viron danados moral, social e economicamente polo mero feito de realizar o seu traballo”.

Malestar coa Autoridade Portuaria

“Doutra banda, lamentamos que se lle queira atribuír a este corpo un deixamento de funcións en varios ámbitos nos que non ten competencias, por exemplo o control e inspección pesqueira, que dependendo do caladoiro e tipo de pesca recaerían na Consellería do Mar ou no MAPAMA, polo que o comité de empresa considera que é un bo momento para que se definan dunha vez por todas e con claridade as funcións da policía portuaria, que en numerosas ocasións ten que asumir tarefas que lles son encomendadas polos seus superiores e que non figuran entre as súas competencias (cabe lembrar que a falta dun regulamento estatal de Policía Portuaria)”.

Tamén advirten que toda función ou competencia que se lle atribúa á policía portuaria ten que vir acompañada por unha formación e adecuación a procedementos e normas internas, que en moitas ocasións non son trasladas a un servizo de policía, que ten que ir adecuándose sobre a marcha. 

A policía portuaria atópase moi molesta co organismo público pola "indefensión e falta de apoio" amosada

Ao mesmo tempo, revelan que o colectivo da policía portuaria atópase moi molesto coa Autoridade Portuaria ante a “indefensión e a falta de apoio” amosada, ademais de sentirse “doído” polo feito de que se salientara a inestimábel colaboración do organismo neste asunto e de que, con todo, “en ningún momento o seu máximo responsábel tentase poñer freo a unha situación tan gravosa e prexudicial para un colectivo que do único que é culpábel é da realización do seu traballo da maneira máis profesional posíbel”.

Finalmente, anuncian que nos vindeiros días terá lugar unha reunión entre o comité de empresa, a dirección da APV e os artífices dos procedementos de calidade, tras a que o comité de empresa convocará unha asemblea informativa na que se adoptarán as medidas oportunas.