O Comité de EMESA denuncia o descolgue “autoritario” e unilateral por parte da empresa do convenio colectivo propio

A nova propietaria, Grupo Soil, agardou o remate da ultraactividade para anunciar a medida, rachando así as negociacións existentes

A Coruña -

O Comité de Elaborados Metálicos EMESA S.L. denuncia a ruptura das negociacións por parte da empresa e o descolgue de Convenio Colectivo, no día de onte, 21 de xaneiro. A representación social cualifica esta decisión da empresa de “autoritaria e individual”, e critica que a nova propietaria (Grupo Soil), non tivo intención de negociar o novo convenio, “limitándose a agardar a que o período de ultraactividade rematara para comunicar o descolgue ao día seguinte”.

A patronal comunicou o Comité de Empresa que a partires de onte mesmo o Convenio Colectivo que rexía laboralmente na empresa decae e todos os traballadores e traballadoras pasan ao Convenio Colectivo de Siderometalurxía provincial, nunha decisión que cualifican de “autoritaria e individual”.

EMESA foi vendida por parte do Grupo Isolux Corsán ao Grupo Soil o pasado 28 outubro, informándose da operación ao Comité ao día seguinte mediante unha carta e cunha mera presentación dos novos propietarios. Nese momento, engade o órgano de representación, non houbo comunicación por parte do grupo Soil sobre intencións de cambiar as condicións laborais da empresa, e non foi até semanas despois “que os novos propietarios comunicaron que tiñan intención de abordar a reforma do Convenio, continuando coas negociacións que se iniciaran a principios de ano”.

Unha negociacións matiza o Comité, que se fixeron “por simple formalismo ante un ERTE que durou até xullo de 2015 e con bolsas de horas e sen traballo á vista dende esa data até final de ano”.

Durante as mesmas, o grupo Soil propuxo a eliminación das melloras sociais que o Convenio propio de EMESA recollía e non cedeu nesa ambición “dende o minuto un, apesares de que o Comité se mostrou aberto a conxelar parte desas condicións até finais de ano ou mesmo conxelar o Convenio Colectivo até 2017 e negociar un novo cando o grupo estivera xa asentado e a empresa coa nova propiedade empezara a funcionar”.

Porén, denuncian que a patronal en ningún intre entrou a negociar, limitándose a agardar a que o período de ultraactividade rematara este pasado día 20 para comunicar o descolgue o día 21, “aproveitando a reforma laboral e causando a discriminación que se dará entre uns traballadores/as e outros/as no futuro e a merma nos seus dereitos”.

A vista de esta forma de actuar, o Comité de Empresa quere amosar o seu malestar coa dirección do Grupo Soil pois “despois de ter comprado EMESA non entende que acto seguido e de forma autoritaria se descolgue do Convenio que tiñamos rachando as negociacións e tensando e deteriorando de forma innecesaria as relación laborais na empresa”, conclúen.

Volver