O Comité de Emesa considera o despedimento de tres traballadores unha represalia da empresa polo conflito colectivo

Demandan a readmisión dos operarios e non descartan convocar mobilizacións
A Coruña - 02 Nov 2016
O Comité de Emesa amosou o seu malestar polo despedimento de tres traballadoras da fábrica de Coirós e entenden que esta medida "desproporcionada" forma parte da estratexia de medo aplicada pola empresa. Neste senso, engaden que a dirección ameazou ao Comité cun despedimento colectivo se esta non negociaba a retiraba o conflito colectivo contra a empresa, que se xulgará o próximo día sete. 

"Vemos estes despedimentos esaxerados para as razón alegadas", apuntan o Comité, polo que solicita da empresa que readmita a estes tres traballadores "cos que cometeu un exceso a todas luces inxustificábel".

Esta acción do Grupo Soil, propietario da fábrica de Coirós, así como outras adoptadas no curto período de tempo que leva xestionando Emesa (precarización do traballo na empresa, decaemento do convenio colectivo, etc.), "coartan o normal diálogo que debe existir entre os traballadores/as e a propiedade e imposibilitan acordos que poidan ser beneficiosos para as dúas partes".

O Comité ten convocada unha asemblea de traballadores/as para tratar esta cuestión e valorar as medidas a tomar para que os compañeiros despedidos sexan readmitidos nos seus postos.