O Comité de Defensa do Monte Galego de Ourense convoca unha nova manifestación co lema 'Lumes, nunca máis'

A mobilización arrincará do pavillón dos Remedios este mércores ás 20.00 horas
Vigo - 20 Set 2016
O Comité de Defensa do Monte Galego de Ourense (CDMG) convoca unha nova manifestación baixo o lema 'Lumes, nunca máis. O noso monte importa' este mércores 21. A marcha reivindicativa arrincará do pavillón dos Remedios ás 20.00 horas e rematará na Praza Maior.

Dende o Comité, do que fai parte a CIG, explican que ao finalizar a mobilización terá lugar un acto no que intervirán varias persoas en representación de diferentes colectivos e darase lectura a un manifesto.

“Convidamos a toda a cidadanía ourensá a participar nesta mobilización, independentemente da cor política de cada quen, xa que a destrución do noso patrimonio ambiental e a desfeita socio-económica que provocan os incendios forestais afectannos a todos/as”, indican.

A manifestación fai parte do calendario de protestas que o CDMG está a desenvolver para amosar o seu rexeitamento ao abandono do medio rural por parte da Xunta do Partido Popular e manifestar “a nosa absoluta repulsa á lacra dos incendios forestais”.