O comité da CRTVG pide a Bruxelas que remate a manipulación do Goberno galego no medio público

Ana Miranda reuniuse coa representación social para abordar a admisión a trámite da denuncia
Santiago - 04 Set 2018

O 14 de agosto o comité intercentros da CRTVG presentou na Comisión de Peticións de Bruxelas unha denuncia na que se recollen varios casos de manipulación informativa e a través da que se pide á administración europea que tome a determinación de instar ao Goberno galego a que cumpra as directivas de pluralidade nos medios públicos e que se garanta a liberdade de expresión na Corporación.

Con tal motivo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro este luns con membros do Comité Intercentros da CRTVG, despois de comunicar a confirmación do rexistro da denuncia, o pasado martes 28 de agosto. Neste senso, dende a sección sindical da CIG subliñan que a formulación da denuncia foi suxerida por Miranda ao comité intercentros no mes de maio, no marco do convite para participar na conferencia sobre ataques á liberdade de expresión e de prensa no Parlamento Europeo, organizada polo grupo Verdes-ALE, do que fai parte o BNG.

Como titular da Comisión de Peticións, ademais de facilitar a tramitación e rexistro da denuncia, Miranda comprometeuse na reunión de onte a facer todo o posíbel para conseguir a súa admisión a trámite. Con esta finalidade, propúxolle ao comité que solicite unha reunión cos/as responsábeis da Directiva Audiovisual da Comisión Europea.

Aliás, suxeriu outras actuacións complementares "como dirixirnos ao Centro para o Pluralismo Mediático e Liberdade de Prensa (CMPF), co obxectivo de que este organismo de investigación cofinanciado pola UE informe á Comisión da situación de incumprimento do pluralismo informativo nos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza", engaden dende a sección sindical da CIG.

Manipulación informativa

Na denuncia presentada polo comité intercentros recóllense numerosos casos de manipulación ou silencio informativo que se deron na CRTVG nos últimos anos. Entre os exemplos máis recentes destaca a orde dunha redactora xefa para que a información da sentenza da trama Gürtel que condenaba ao PP como responsábel a título lucrativo tivese unha duración máxima de 40 segundos ou o silencio ao que se someteu as protestas en contra da cidadanía do proxecto dunha mina en Touro.

Na denuncia, a representación do persoal pide tamén a creación dunha Autoridade do Audiovisual independente, que se regule de xeito efectivo o dereito de acceso da cidadanía aos medios públicos e a elaboración dun Estatuto Profesional.

Precendentes de casos similares

Esta denuncia vai á Comisión Europea, órgano encargado de aceptala a trámite, e despois volve á Comisión de Peticións, onde se estuda, un proceso que pode tardar de dous a tres meses. Despois haberá unha fase de debate e exposicións dos distintos voceiros e voceiras da Comisión, onde terían tamén voz a representación do comité intercentros da CRTVG. Finalmente elaborará un ditame no que poderán instar o Goberno galego a cumprir coa normativa europea.

Sobre o resultado do proceso, o comité móstrase esperanza, pois "hai precedentes para ser optimistas; unha recente denuncia de RTVE acabou cun ditame favorábel para as demandas das traballadoras e traballadores". Este expediente de RTVE non está pechado a novas iniciativas que se poidan adoptar dende a Comisión de Peticións.