• 18-06-08 ProtestaConvenioComercioTextilOurense01.jpg
  • 18-06-08 ProtestaConvenioComercioTextilOurense02.jpeg
  • 18-06-08 ProtestaConvenioComercioTextilOurense03.jpeg
  • 18-06-08 ProtestaConvenioComercioTextilOurense04.jpg

O comercio téxtil ourensán inicia protestas por un novo convenio ante a proposta “miserenta” da patronal

Denuncian que o salario medio do sector ronda os 780 euros mensuais

Ourense -

O persoal do comercio téxtil da provincia de Ourense dixo basta. As traballadoras/es veñen de iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar un novo convenio colectivo que remate cos salarios “de miseria”, xa que o soldo medio do sector ronda os 780 euros mensuais. Denuncian que a última proposta da patronal contempla un incremento do 2% para os tres próximos anos pero “pretende borrar da historia o período 2011-2017 ofrecendo un aumento cero”.

Un grupo de empregadas/os do comercio téxtil da provincia de Ourense mobilizouse este venres no Carrefour da Valenzá, onde se atopan varios establecementos afectados polo convenio provincial, para reclamar un novo convenio colectivo que remate cos salarios de “miseria” no sector, xa que como denuncian dende as centrais convocantes -CIG, CCOO e UGT- o soldo medio ronda os 780 euros mensuais.

Explican que o convenio non se actualiza dende 2010, “o que significa que vai xa para oito anos que os traballadores/as teñen os salarios conxelados”. As negociacións iniciáronse a comezos de abril, “pero a patronal bloquea e ponlle trabas a todas e cada unha das cuestións que desde a representación sindical lle propoñemos en materia de xornada laboral, permisos de lactación, redución horaria por garda legal de fillo/a, póliza de seguros colectiva, clasificación profesional, regulación da contratación a tempo parcial, etc.”

Mais aseguran que “a pinga que colmou o vaso” foi a pretensión empresarial de “borrar da historia” o período 2011-2017, “coma se non tivera nunca existido”, e ofrece un aumento salarial do 2% anual para 2018-2019 e 2020. Para os sete anos anteriores, o incremento proposto é cero. Neste senso, lembran que o salario medio do sector (categoría de dependenta a xornada completa) é de 873,19 euros brutos mensuais, que unha vez aplicados os preceptivos descontos queda en aproximadamente 780 euros netos.

“Este era o salario en 2010, e segue a selo en 2018. Non imos permitir que se paguen salarios de miseria nun sector que presume de modernidade, que organiza impresionantes xornadas de compras en festivos, de noite, en xornadas maratonianas, con grande alarde de publicidade e en ambiente festivo, pero a conta das traballadoras/es. Escaparates de luxo e opulencia, e nóminas de fame e pobreza. Estamos en disposición de combater este abuso e pelexar por un convenio digno e un salario xusto, e pedímoslle á cidadanía de Ourense que nos apoie nesta loita”, rematan.

Volver