O comercio de alimentación de Lugo irá á folga por primeira vez polo seu convenio o 23 de xuño

Lugo - 15 Xun 2023

As centrais sindicais CIG e CCOO compareceron este xoves en rolda de prensa para informar da convocatoria de folga no comercio de alimentación de Lugo. O próximo 23 de xuño será a primeira vez na provincia que o sector vaia á folga para demandar un convenio colectivo digno. Para quentar motores, ademais da xornada de paro, que afectará a todas as tendas das empresas reguladas por este convenio, como Gadis e Froiz, para este domingo 18 de xuño está convocada unha manifestación polas rúas de Lugo.

CIG e CCOO fan un chamamento ao conxunto das traballadoras e traballadores a participar nesta marcha que sairá ás 12h do Froiz da rúa Montero Ríos, pasará polo Gadis da rúa Quiroga Ballesteros e rematará diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo, na Praza de Santo Domingo. "Agora máis que nunca temos que demostrarlle á patronal e aos seus cómplices que estamos en contra de que se ningueen as nosas propostas e aspiracións laborais e sociais, e se tomen decisións en contra do sentir maioritario do sector", aseveraron na comparecencia.

A representación de CIG e CCOO criticou o escurantismo no que se están a desenvolver as negociacións xa que UGT manifestou ter chegado a un preacordo coa patronal "aínda que nin sequera convocaron a mesa de negociación para presentalo, poder avalialo e trasladar as nosas propostas".

"A negociación do convenio faise na mesa e non través de correos electrónicos", asevera o secretario comarcal da CIG-Servizos, Xoán Díaz; quen aclara que a día de hoxe ese suposto preacordo non vale "porque o sector marcounos unhas liñas vermellas que non se cumpren nesa proposta remitida por correo electrónico". Aínda que, en todo caso, apunta, "terán que ser as asembleas quen decidan soberanamente se a aceptan ou se fan outra proposta alternativa".

Precariedade e desigualdade

Díaz rexeita que este suposto preacordo siga condenando as traballadoras e traballadores da provincia á precariedade laboral e afondando aínda máis nas desigualdades. "Os incrementos que formula a patronal poden parecer elevados, pero traducido ás táboas do convenio vemos como as categorías por debaixo do grupo 4 (na que está encadrado a maioría do persoal) seguen quedando ao límite do Salario Mínimo Profesional", indica.

Critica que patronal non está sendo "nin xusta nin xenerosa" coas traballadoras e os traballadores, a pesar do enorme esforzo que realizaron durante a pandemia cando foron considerados sector esencial, e chama a atención sobre o ruín da oferta económica que fai a patronal, nun momento no que as compañías de distribución están batendo todos os records de ganancias. "Estanse facendo de ouro e resulta indigno que se neguen a socializar eses beneficios millonarios non sequera garantindo o mantemento do poder adquisitivo dos salarios".

Porque nese preacordo tampouco se regula a cláusula de revisión salarial ao IPC con carácter retroactivo, nin os sábados de calidade co domingo festivo nos concellos onde hai feiras ese día, nin o complemento do 100% nas baixas, sendo este convenio provincial o único que non contempla este dereito.

Por iso, a CIG anima a secundar de xeito masivo a folga e as mobilizacións e darlle unha resposta contundente "a esta patronal avarenta". "Porque seguimos a reclamar un convenio digno, con incrementos salariais do 6,5% para 2022 e do 5,7% para 2023 para poder reverter o empobrecemento dos últimos dous anos; unha cláusula de revisión salarial ao IPC real e con carácter retroactivo para garantir que non haxa perda do poder adquisitivo no futuro; así como o cobro do complemento de IT até o 100% da base de cotización".