O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG exixe uns orzamentos acaídos para atender a dependencia

Mobilizarase o martes 19 de decembro xunto coa Área Pública

Nacional -

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG mobilizarase o vindeiro martes día 19 de decembro, xunto coa Área Pública da CIG, na defensa dos servizos públicos e duns orzamentos acaídos para atallar os graves problemas que sofren as galegas e galegos en materia de dependencia. Denuncia que os orzamentos que o goberno da Xunta presenta para o ano 2018 son insuficientes para abordar as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores.

Inda que as partidas destinadas a dependencia que se recollen no programa 312D do proxecto de orzamentos destinan un 8% máis de gasto a esta cuestión, non todos os fondos deste programa se destinan directamente a dependencia, senón que a maior parte van dirixidos a gastos de persoal, inversións, etc... e unicamente 167,4 millóns dos 368,9 recollidos teñen como destino os programas de atención á dependencia (Consorcio, Axuda no Fogar, Libranza...).

18.000 persoas agardan a prestación recoñecida

Isto segue implicando unha grave carencia na atención a dependentes e persoas maiores. Así se reflicte no feito de que preto de 18.000 persoas que teñen recoñecido algún grao de dependencia, non están sendo beneficiarias da prestación á que teñen dereito por lei. O 26,15% das 66.500 recoñecidas con dereito a prestación. E sen esquecer as miles de solicitudes que seguen pendentes de valoración.

Para alén disto, aquelas persoas que si a teñen recoñecida e son beneficiarias de prestación, ven como esta, inda supoñendo unha axuda, non é, nin de lonxe, a solución para a súa situación e non chega a paliar, en moitos casos, as grandes dificultades económicas que supón a atención á dependencia. Máis inda cando falamos de que a pensión media na Galiza está máis de 15 puntos por baixo da do Estado e, ademais, case o 60% das pensións galegas son inferiores ao SMI.

Demanda de centros de día e residencias públicas

Nun país no que o 25% da poboación ten máis de 65 anos, as infraestruturas de atención á dependencia, como poden ser residencias ou centros de día, seguen sendo moi escasas, nomeadamente aquelas que son xestionadas pola Administración Pública, que continúan sendo minoritarias con respecto a aquelas de xestión privada. E, en todo caso, insuficientes para atender a grande demanda dunha poboación cada vez máis envellecida.

Malia o cada vez maior avellentamento da poboación da Galiza, recoñecido pola propia Xunta, o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG non percibe que se estean a estabelecer medidas que axuden a mellorar as condicións de vida de persoas que, após toda unha vida de traballo, e/ou en moitos casos polas condicións laborais padecidas, sofren unha situación de dependencia que debe ser atendida.

Por iso, desde o Colectivo, emprazan ao goberno da Xunta a modificar os orzamentos para o 2018 e exixen o incremento das partidas dos programas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos cun acceso equitativo.

Volver