O Colectivo de Xubilados/as da CIG de Vigo recolle máis de 500 sinaturas en defensa das pensións en tres horas

A iniciativa suma xa máis de 6000 apoios no conxunto da comarca
Vigo - 16 Xun 2017

O Colectivo de Xubilados/a e Pensionistas da CIG de Vigo recolleu este xoves máis de medio milleiro de sinaturas en defensa do sistema público de pensións na mesa instalada na rúa do Príncipe no marco da campaña que desenvolve a central pola recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise. A iniciativa suma xa máis de 6000 apoios no conxunto da comarca, e o vindeiro mércores 21 serán entregados no Parlamento galego xunto aos recopilados no conxunto do país.

Un grupo de integrantes do Colectivo permaneceu dende as 11.00 horas até as 13.30 a carón da mesa instalada diante do Marco, onde repartiron folletos informativos entre os viandantes e recolleron as súas sinaturas de apoio á loita que a central está a desenvolver en defensa das pensións públicas. Paralelamente, a través de megafonía explicábanse as principais ameazas ás que se enfronta o sistema e ofrecíanse os principais datos que desmontan as “mentiras oficiais”.

Así, incidíase en que todo o debate aberto arredor da viabilidade do sistema de pensións responde a un “mandato dos bancos e do capital financeiro que o PP obedece”, para promover unha nova reforma que lles facilite “facer negocios coas pensións públicas”. Lembrábase que Estado español ten un custe en pensións inferior ao resto da UE. A modo de exemplo sinalábase que “se o Estado español igualara o gasto en pensións con Italia habería 57.300 millóns de euros máis por ano; non existiría déficit e sobrarían 34.000 millóns que se poderían usar para mellorar as pensións e mesmo para gardar outra parte no Fondo de Reserva”. De feito, segundo os seus datos, mentres que o Estado español gasta en pensións o 10,5% do PIB, Italia gasta o 15,8%; Grecia un 14,3%; Francia o 13,8%; e Portugal o 13%.

No ano 2011, co mesmo número de cotizantes á Seguridade Social que en 2016, a caixa das pensións tivo un superávit de 2300 millóns de euros, mentres que o pasado ano rematou con déficit. “As razóns están na precariedade do traballo, con baixos salarios, masivo incremento de contratos por horas en fraude, horas traballadas de máis e non pagadas ou salarios en negro. Todo isto consecuencia das reformas laborais e da negociación colectiva de convenios feitas desde o ano 2010 -primeiro polo PSOE e despois polo PP-, que permiten que, por vez primeira na historia, os convenios baixen os salarios”. Nestes cinco anos o descenso dos salarios foi superior ao 10% e hoxe, case 6 millóns de traballadores/as cobran menos de 655 euros. Fronte a isto, os soldos superiores a 60.000 euros subiron máis do 7%.

Tamén e denunciaba que os salarios máis altos non cotizan á Seguridade Social a partir de 3751 euros, un tope que só beneficia aos máis ricos/as. “O Goberno libera aos executivos das empresas, altos cargos da administración, grandes bufetes de avogados que traballan para as empresas deste pago para que poidan contratar as súas pensións privadas”. Isto, segundo os seus datos, supón que máis de 2 millóns de persoas que están neste caso se beneficien dunha norma que provoca que a Seguridade Social perda, sen esas cotizacións, máis de 7000 millóns de euros ao ano.

A isto engadiron que o Estado deixa de ingresar máis de 4700 millóns de euros anuais polas desgravacións das pensións privadas, polo que denunciaron que “este Goberno utiliza os recursos públicos para favorecer o sistema privado de pensións en beneficio das rendas máis altas e o negocio dos bancos e aseguradoras”.

Galiza non é deficitaria en pensións

Unha das grandes mentiras que se intenta vender é que Galiza ten un déficit entre cotizantes e pensionistas. “O noso país ten máis de 300.000 traballadores/as emigrados/as no resto do Estado que cotizan para a Seguridade Social nestes lugares, pero os que fan as estatísticas ignoran á mantenta este feito para que creamos que nos están a subsidiar”.

Coas reformas dos Gobernos do PSOE e do PP, nos anos 1997 e 2011, dificultouse cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixáronse as das/os que acceden a elas e retrasouse a idade efectiva de xubilación. Xunto a isto, dende o ano 2013, a maioría absoluta do PP decidiu suprimir a actualización das pensións que se viña facendo en función da desviación do IPC e fixou como tope o incremento do 0,25%, provocando deste xeito o empobrecemento dos pensionistas. “Esta mesma pretensión tena o denominado factor de sustentabilidade, aplicábel a partir do 2019, que vai minguar aínda máis os ingresos ao quedaren vinculados en función do incremento da esperanza de vida”.

Ademais, alertaron de que a través do Pacto de Toledo preténdense introducir novas reformas no sistema de pensións, guiadas, unha vez máis, pola política dos recortes en gasto público. Por iso esixen a derrogación das contrarreformas que reduciron o acceso e as prestacións das pensións.

Ao mesmo tempo, entre as súas demandas máis urxentes subliñaron a necesidade de que se garanta a estabilidade e a suficiencia económica do sistema público para que todas as persoas poidan satisfacer con dignidade as súas necesidades, loitando contra a fraude fiscal, establecendo unha auténtica progresividade nos impostos, eliminando os topes máximos de cotización e fixando límites nas prestacións. Xunto a isto esixen a revalorización anual acorde co IPC e o incremento das mínimas, equiparándoas ao SMI, ademais da supresión do repagamento dos medicamentos para os pensionistas.